Agromuralla esixe que o prezo do leite reflicta a suba de custos pola crise en Oriente Medio

A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla, que reúne a 400 produtores de toda Galicia, fai un chamamento á «responsabilidade» das industrias leiteiras ás portas da inminente renovación de contratos, que vencen na maioría dos casos o día 31 deste mes. 

Agromuralla califica de «temeraria» a postura das empresas de aplicar baixadas no prezo cobrado actualmente polas explotacións, tendo en conta «o repentino encarecemento de custos de produción que están a sufrir as granxas como consecuencia da guerra en Irán». 

A presidenta de Agromuralla, Noelia Rodríguez, explica que «desde que comezou o ataque de EEUU e Israel os prezos do gasóleo agrícola disparáronse, superando neste momento 1,5 euros o litro». Esta situación chega nun momento no que está a piques de comezar a campaña agrícola, co abonado das fincas de herba e o posterior ensilado.

Do mesmo xeito, tamén se disparou o prezo dos fertilizantes, que dependen nalgún caso directamente do prezo do petróleo e o gas natural para a súa fabricación, e que xa experimentaran un encarecemento desde comezos de ano como consecuencia da decisión da UE de aplicar o chamado Mecanismo de Axuste de Carbono en Fronteira. Agora, debido ao estalido bélico, non está garantido o subministro dalgúns abonos, poñendo en risco a produción forraxeira das granxas, tanto de herba como de millo. 

Á suba do gasóleo e os fertilizantes, engádese a suba da luz, os plásticos e os pensos, o que vai provocar de xeito inmediato un incremento dos custos de produción das explotacións que Agromuralla cifra nun 20%, semellante ao vivido no ano 2022 co estalido da guerra en Ucraína. 

Renovación inminente dos contratos do leite

Este incremento de custos das explotacións prodúcese a piques de que se inicie a renovación de contratos de compra-venda do leite, que finalizan na maioría dos casos este 31 de marzo. As ofertas enviadas polas industrias fai un mes recollían «baixadas desproporcionadas e inasumibles de até 9 céntimos en litro que non se axustan á realidade do mercado e non teñen en conta o incremento de custos provocado pola guerra», asegura Noelia Rodríguez. 

Por iso, Agromuralla pide ás empresas que reconsideren a súa postura, repercutindo no prezo do leite o incremento de custos de produción que están a sufrir as granxas. Do contrario, advirten, «os contratos serían ilegais», pois non está permitido legalmente traballar a perdas.  

A entidade máis representativa do sector produtor de leite na comunidade agarda que as industrias reconsideren a súa postura nos vindeiros días, pois «estarían poñendo en risco o subministro de leite e o abastecemento á poboación». «Unha caída de prezos a partir de abril desencadearía un descenso da produción de leite e aceleraría o peche de granxas», alerta a presidenta de Agromuralla. «Neste momento as vacas de carne manteñen prezos altos e moitas explotacións optarán por enviar vacas a matadoiro antes que ter que producir por debaixo de custos», explica.

O risco de que a dermatose chege a Galicia

Ao factor do prezo e do incremento de custos de produción engádese ademais a «ameaza» que supón para o sector o avance da Dermatose Nodular Contaxiosa. A enfermidade detectada a finais do 2025 en Cataluña saltou xa a Aragón e prosegue o seu avance cara ás principais zonas leiteiras da cornixa cantábrica. «De chegar a Galicia sería a ruína para o sector», advirte Agromuralla. 

Noelia Rodríguez califica de «risco certo» esta posibilidade, polo que considera «unha temeridade e un acto suicida» a intención inicial das industrias leiteiras de baixar prezos. Do mesmo xeito, Agromuralla esixe á conselleira do Medio Rural, María José Gómez, «un pronunciamento claro e directo en defensa do sector e en contra da baixada de prezos por parte das industrias, máxime, ante a suba desmesurada dos custes de produción».   

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios