A Dirección Xeral de Calidade Ambiental de Xunta de Galiza vén de rexeitar o informe de impacto ambiental simplificado presentado pola empresa Aratel para a instalación dunha planta de produción fotovoltaica en Cartelle, que conta ademais coa oposición das comunidades de montes e propietarios de explotacións gandeiras directamente afectadas.
O órgano avaliador sinala carencias e incongruencias no documento presentado e obriga á empresa promotora a someter o proxecto a unha Avaliación Ambiental Ordinaria, dado que existen riscos de efectos significativos sobre o medio ambiente (en especial sobre especies e fauna protexida ou en perigo de extinción, e afección ao sistema hídrico), e tamén sobre o patrimonio, a paisaxe e a saúde humana.
O rexeitamento da avaliación simplificada e a esixencia dunha ordinaria supón un cambio profundo na documentación e no nivel de detalle que o promotor debe achegar.
A resolución é demoledora, sinala explicitamente a «existencia de varios erros, carencias, deficiencias ou incongruencias na documentación presentada polo promotor»; subliña a incerteza que supón, no caso do patrimonio cultural, que «non se poida desbotar a existencia doutros bens arqueolóxicos e etnográficos, aínda non detectados»; sobre elementos xa localizados, afirma que «non permiten descartar a posible existencia dun xacemento»; e critica que na cartografía «non se recollen tódolos elementos que poderían verse afectados», nin se marcan os «contornos de protección». A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural non valida o proxecto e considera obrigatoria e vinculante a realización dunha prospección arqueolóxica extensiva de toda a superficie de implantación e da liña de evacuación, debidamente autorizada.
No que atinxe á paisaxe, o Instituto de Estudos do Territorio -un dos organismos consultados- precisa que o proxecto provocará un «impacto visual característico… derivado da ocupación dunha extensión considerable de terreo con elementos artificiais que alteran a composición paisaxística», e sinala a falta de documentos clave, como ausencia dun «estudo de impacto e integración paisaxística (EIIP)», que agora se require como documento específico. O Instituto de Estudos do Territorioalerta diante do que considera unha degradación do “valor vernáculo” do solo.
En canto ás augas e á hidroloxía, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil detectou puntos de incerteza técnica no informe, falta de claridade e a necesidade de que o promotor presente aspectos técnicos sobre «afeccións ao dominio público hidráulico, zona de policía de canle público e servidumes»
O proxecto introduce unha gran superficie artificial de paneis nunha contorna rural de carácter agrario, o que altera significativamente a composición paisaxística tradicional. Mais non se ofrece nin unha análise detallada da visibilidade dende os núcleos de poboación próximos, onde o impacto visual será máis directo, nin se estudaron suficientemente os posibles reflexos que a gran superficie de paneis pode xerar cara á contorna, segundo indica a resolución. A Dirección Xeral de Saúde Pública exixiu até tres informes polo rigor insuficiente do promotor en materia de ruído, vibracións e xeolocalización de infraestruturas antes de validar o proxecto.
Polo que respecta á flora e a fauna, indícase que información sobre especies protexidas (como o galápago europeo ou diversas aves como o aguiacho cincento e a gatafonela) «unicamente se proporciona unha primeira aproximación» e, polo tanto, a diagnose non é exhaustiva para o lugar concreto da obra.
Stop Eólicos A Limia Xurés Celanova chama a atención sobre algunhas especies con poboacións limitadas ou moi concentradas nesta zona occidental da provincia de Ourense. Unha é o o loureiro de San Antonio (Prunus lusitanica). Segundo a información ministerial, actualmente, 66 das 84 poboacións en territorio español están en áreas con algunha figura de protección: tres, no Parque Natural do Xurés. É dicir, esta especie vulnerábel está baixo o paraugas da Rede Natura dez quilómetros ao sur, mais na mesma conca do Arnoia vese ameazada. Outro caso é o da Macromia splendens, unha especie de libélula en perigo de extinción, cun mapa de poboacións residentes no noroeste peninsular que remata nas concas do Miño e do Arnoia, “unha reliquia das glaciacións, rara e moi localizada”, como indica a información ministerial.
ARATEL E O OS AEROXERADORES NO COTO NOVELLE
Malia que a empresa Aratel é tamén a promotora do proxecto para chantar un polígono eólico no Coto Novelle, que compartiría infraestruturas (a subestación e a LAT até Castrelo de Miño) co proxecto de planta fotovoltaica de Baldariz; malia que esta fragmentación fraudulenta xa foi denunciada na campaña de alegacións contra a planta en 2025, o Coto Novelle só se menciona como “miradoiro” a efectos de afeccións paisaxísticas e non hai mención ningunha a impactos acumulativos, que entendemos que deberá contemplar a documentación na Avaliación Ambiental Ordinaria que agora se lle esixe a Aratel.
ALERTAS ACUMULATIVAS
Finalmente, Stop Eólicos A Limia Xurés Celanova considera que con esta resolución quedan patentes determinados ricos sobre a conservación do patrimonio, a paisaxe e a saúde humana, a fauna e a flora así como o sistema hídrico, que non poderá salvar ningún proxecto de instalación dunha infraestrutura das dimensións que se propón para a contorna de Baldariz; que a oposición de comuneiras e produtoras, explícita na campaña que se desenvolveu hai agora un ano, está xustificada por razóns medio ambientais e sociais; e que as alertas que lanza esta resolución deben terse en conta na análise que os organismos avaliadores fagan do proxecto de polígono eólico na mesma área e con pretensión de se converter de facto nun polígono híbrido.
Imagen: Plano da planta fotovoltaica entre os núcleos de A Bouza, Os Pereiros e Reigoso.