O descubrimento abre novas posibilidades para desenvolver terapias dirixidas especificamente contra esta enfermidade que afecta unha cuarta parte da poboación mundial.
Investigadoras do grupo de Metabolismo Molecular da Universidade de Santiago de Compostela, liderado por Rubén Nogueiras desde o Centro de Investigación en Medicamento Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), identificaron novas posibilidades terapéuticas do Resmetirom, o único fármaco aprobado actualmente para o tratamento da fibrose hepática asociada á enfermidade hepática esteatósica vinculada á disfunción metabólica (MASLD).
A MASLD afecta aproximadamente ao 25-30% da poboación mundial e constitúe unha das principais causas de enfermidade hepática crónica. A súa forma máis grave caracterízase pola inflamación do fígado e a acumulación progresiva de cicatrices (fibroses), que poden danar o órgano de forma irreversible e evolucionar cara a cirrose, insuficiencia hepática ou cancro de fígado. Neste proceso, as células estreladas hepáticas desempeñan un papel esencial, xa que, ao activarse, son as principais responsables da formación da fibrose.
A investigadora do CiMUS e primeira autora do estudo publicado na revista MedComm, Eva Novoa, explica que «ata o de agora se consideraba que o principal efecto de Resmetirom tiña lugar nos hepatocitos favorecendo a perda de graxa; con todo, os nosos resultados demostran que tamén actúa directamente sobre as células estreladas hepáticas, reducindo a súa activación e a súa capacidade fibroxénica». Pola súa banda, Alba Cabaleiro, co-primeira autora do traballo, engade que «este achado contribúe a entender mellor como o Resmetirom é capaz de mellorar simultaneamente as alteracións metabólicas e a fibrose no contexto de MASLD».
Frea a acumulación de cicatrices e detén o desenvolvemento de cirrose ou cancro hepático
O equipo identificou ademais o mecanismo molecular responsable deste efecto. O estudo demostra que a acción antifibrótica de Resmetirom depende da activación do receptor de hormona tiroidea alfa (THRα), predominante nas células estreladas hepáticas, e da encima FAAH. Cando calquera destes dous compoñentes se bloquean experimentalmente, o fármaco perde boa parte da súa capacidade para impedir a activación das células responsables de producir fibroses.
Os resultados tamén revelan que Resmetirom actúa mediante un dobre mecanismo complementario: mentres nos hepatocitos se reduce a acumulación de graxa a través do receptor THRβ, nas células estreladas hepáticas limita directamente o desenvolvemento da fibrose mediante a vía THRα-FAAH. Este descubrimento axuda a explicar mellor a eficacia clínica observada con este tratamento e abre novas posibilidades para desenvolver terapias dirixidas especificamente contra a fibrose hepática.
O traballo contou cunha ampla colaboración estatal e internacional, coa participación de investigadores do CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela, o CIBER de Fisiopatología da Obesidade e Nutrición (CIBEROBN), o CIBER de Enfermidades Hepáticas e Dixestivas (CIBERehd), CIC bioGUNE, IDIBAPS, así como da Universidade de Lille (Francia) e a Universidade de Lübeck (Alemaña).