Carme da Silva defende reforzar o Sistema VioXén e mellorar e modernizar o Sistema Cometa: “fan falta medios e recursos, non abonda con diagnoses”.
A senadora do BNG, Carme da Silva, vén de rexistrar iniciativas nas Cortes do Estado para demandar ao Ministerio de Igualdade maior concreción nas medidas que se están a despregar para mellorar a protección e a seguranza das mulleres vítimas de violencia machista.
A organización nacionalista advirte de que o incremento de feminicidios evidencia graves erros nos mecanismos actuais, especialmente nos casos en que existían denuncias previas e ordes de afastamento que non evitaron os asasinatos. Ante esta situación, a senadora do BNG pide a Igualdade que faga públicas as recomendacións que trasladou aos órganos xudiciais e reclama coñecer que máis medidas se levarán a cabo.
“É intolerábel que mulleres con medidas de protección acaben sendo vítimas mortais. O sistema debe garantir a súa seguranza e débense levar a cambio todos os cambios necesario para cumprilo. É urxente. É imperativo” sinala Carme da Silva.
Neste sentido, a senadora do BNG propón aumentar a distancia mínima das ordes de afastamento, estabelecendo que en ningún caso esta cifra sexa inferior a 350 metros, co obxectivo de garantir unha resposta eficaz. “Hai que actuar con contundencia ante o incumprimento das ordes de afastamento e impulsar a apertura sistemática de procedementos” asevera.
“Débese reforzar o sistema VioXén asegurando unha protección real das mulleres incluídas e evitando que os agresores poidan vulnerar as medidas sen consecuencias inmediatas” afirma con contundencia. “Así mesmo, é preciso mellorar e modernizar o sistema Cometa, corrixindo os seus fallos e garantindo o seu correcto funcionamento en todo momento” engade Carme da Silva, lembrando realizado polo BNG durante esta lexislatura para que este sistema funcionase perfectamente.
Do mesmo xeito, a organización nacionalista demanda garantir a cobertura econectividade, especialmente nas zonas rurais, para permitir un seguimento tanto das vítimas como dos agresores. Por último, Carme da Silva sinala a necesidade de desenvolver medidas específicas contra a violencia vicaria, reforzando a protección dos menores.
A senadora do BNG subliña que “levamos tempo advertindo destas deficiencias e da necesidade de actuar, especialmente no rural onde as condicións agravan o risco”. Non abonda con diagnose, “fan falta medios e recursos”.