María Reigosa: «Apoio uns orzamentos mellorables polo ben dos veciños de Lugo»

Quero comezar destacando o meu apoio a uns orzamentos que, aínda sendo mellorables, voto desde a responsabilidade, pensando no interese xeral da cidade.

Tamén considero importante a aprobación da emenda que modifica a prevalencia do Plan de Mobilidade sobre o PXOM, así como o conxunto de modificacións que se propoñen sobre o Plan Xeral. Estamos a falar dun instrumento clave para o desenvolvemento de Lugo, que debe dar seguridade e facilitar a iniciativa nas actuacións urbanísticas.

Tamén valoro de forma positiva que saíran adiante iniciativas por consenso, como a proposta para instar ao nomeamento da ponte das Saamasas en recoñecemento a Tomás Notario Vacas. Trátase dun acto de xustiza e de recoñecemento á súa traxectoria e contribución a unha política con maiúsculas.

Do mesmo xeito, brindei o meu apoio ás iniciativas orientadas a mellorar as infraestruturas dos polígonos industriais de O Ceao e As Gándaras, espazos fundamentais para a actividade económica que deben contar cun mantemento axeitado.

En xeral, este pleno deixa unha lectura positiva: foi posible acadar acordos e aprobar propostas por unanimidade, algo que debe poñerse en valor cando se trata de avanzar en cuestións que benefician á cidade.

Seguirei traballando desde a responsabilidade, o diálogo e o compromiso coa veciñanza de Lugo

Comparte éste artículo
No hay comentarios