O PP insta a Lino Rodríguez a “cubrir de inmediato” o posto de conserxe do CEIP Rosalía de Castro e cumprir con todas as súas competencias

Nicole Grueira explica que se presentará unha moción ao pleno para que se recupere a figura do conserxe, así como que o Concello cumpra coas súas obrigas de mantemento do colexio, asegurando unhas instalacións dignas, seguras e en bo estado para o alumnado e o profesorado.

Os concelleiros do PP de Pol denuncian “o abandono que sofre o colexio por parte do alcalde” que “tralo comezo dun novo curso escolar, os nenos e nenas, as súas familias e toda a comunidade educativa seguen sufrindo a desidia do alcalde, que unha vez máis dálles as costas”.

A voceira popular, Nicole Grueira, lamenta que o colexio continúa sen conserxe, “un servizo básico que é competencia directa do Concello e que leva meses sen cubrirse”. Ademais, o mantemento das instalacións municipais segue sen facerse, “a pesar das reiteradas queixas”.

“Que esta situación se manteña por segundo curso consecutivo evidencia unha alarmante falta de planificación e responsabilidade por parte do alcalde e do seu equipo de goberno”, ao que se engade que “esta carencia ten un impacto directo e moi negativo no día a día da comunidade educativa que se ve obrigada a funcionar sen un servizo esencial para o correcto desenvolvemento da vida escolar, xa que desempeña funcións imprescindibles que garanten a atención das necesidades cotiás do colexio e a creación dun ambiente adecuado para todos os seus usuarios”

Por este motivo, Nicole Gueira explica que se presentará unha moción ao pleno para instar ao goberno municipal a cubrir de inmediato o posto de conserxe no C.E.I.P. Rosalía de Castro de Pol, “garantindo así a prestación dun servizo esencial para a comunidade educativa”; así como a cumprir coas súas obrigas de mantemento e conservación do colexio, asegurando unhas instalacións dignas, seguras e en bo estado para o alumnado e o profesorado. “É necesario que asuma as súas responsabilidades co colexio e coa comunidade educativa, poñendo fin ao abandono actual e priorizando a atención ás necesidades básicas do centro”. 

Todo isto pon de manifesto o abandono total do colexio de Pol por parte do alcalde e do seu equipo de goberno, que “lonxe de asumir as súas responsabilidades, están a desatender cuestións básicas que afectan directamente á calidade da educación e ao benestar das familias do municipio”. 

“Unha vez máis, reclamamos ao alcalde que deixe de mirar para outro lado e asuma as súas responsabilidades co colexio, co alumnado e co conxunto da comunidade educativa”, sinalou.

Comparte éste artículo
No hay comentarios