Veciñas e veciños denuncian as irregularidades, a falta de transparencia e o desgoberno da actual xunta directiva
A veciñanza de Sárdoma, a través dunha recollida de firmas, convocou unilateralmente unha Asemblea Xeral Extraordinaria da súa asociación veciñal para o vindeiro 11 de abril. A iniciativa responde a unha xestión opaca das contas, a irregularidades nos procedementos internos e, especialmente, a unha “actitude autoritaria” por parte da actual xunta directiva. Ademais, solicitan a intervención do Concello de Vigo para garantir o respecto da democracia interna da agrupación veciñal.
O conflito chegou ao seu límite de tensión trala última Asemblea Xeral, que rexistrou a maior asistencia dos últimos anos. Segundo relatan varias persoas asociadas, “o nivel de descontento expresado pola maioría foi tal que a xunta directiva actuou posteriormente coma se a acta da reunión se perdese”. A veciñanza acusa a dirección de intentar ocultar as críticas recibidas e de non respectar os acordos adoptados na asemblea. Consideran que “desoír a vontade maioritaria é cruzar unha liña vermella”. “A día de hoxe, a asociación está secuestrada”, sinalan.




Dous meses despois da promesa incumprida dunha nova xuntanza, algunhas veciñas e veciños iniciaron os trámites para promovela pola súa conta. A pesar de contaren cos números que requiren os estatutos para a convocatoria dunha asemblea extraordinaria, denuncian que a xunta directiva está intentando impedir a súa celebración. Así e todo, as persoas convocantes aseguran que a reunión “está legalmente convocada” e confirman que terá lugar o 11 de abril, “con ou sen a presenza da dirección”.
A mobilización prodúcese nun contexto de crecente tensión e ten como obxectivo “recuperar a asociación para o conxunto da veciñanza”. Neste sentido, critican a perda progresiva de actividade no barrio ao veren desaparecer clases, eventos e iniciativas comunitarias que anteriormente formaban parte da vida social de Sárdoma.