Insubmisas contra o Rearmamento Galicia: ¡Non ao Centro de Indra en Vigo!

Desde Insubmisas contra o Rearmamento Galicia manifestamos con absoluta claridade e firmeza o noso rexeitamento á creación do chamado Centro de Excelencia Aeroespacial e de Defensa que a multinacional Indra pretende impulsar no Hub TIC da Zona Franca de Vigo, co respaldo do Ministerio de Defensa e da Xunta de Galicia. A operación, presentada pola prensa e as institucións como un proxecto innovador e transformador, non é máis que unha estratexia de militarización encuberta baixo a retórica do I+D+i, da soberanía tecnolóxica e do emprego cualificado. Unha máscara que pretende agochar a realidade: estase a converter Vigo nun enclave da industria de guerra.

Non é unha aposta pola ciencia civil nin polo desenvolvemento sustentable, senón unha derivación directa do proceso de reconfiguración das políticas industriais europeas ao servizo do rearmamento, impulsadas pola Comisión Europea e polos gobernos nacionais baixo o pretexto da guerra en Ucraína e da crecente tensión xeopolítica. Este centro estará enfocado ao desenvolvemento de tecnoloxías militares: defensa electrónica, sistemas de mando e control, dispositivos antidróns e sistemas automatizados que, lonxe de contribuir ao ben común, reforzan a lóxica belicista e tecnolóxica que alimenta conflitos armados en todo o planeta. Nada disto ten que ver cunha verdadeira innovación para a paz ou o benestar social.

A conexión con outras infraestruturas como a fábrica de chips fotónicos SPARC, tamén localizada en Vigo e anunciada como símbolo dun «ecosistema tecnolóxico dual», confirma a estratexia de consolidar un complexo industrial‑militar no sur de Galicia. Fálase de usos civís, porén o núcleo dos investimentos está orientado ao desenvolvemento de compoñentes de alto valor engadido para aplicacións militares. O pretendido carácter dual é unha coartada discursiva para captar financiamento público e lexitimar socialmente un proceso de militarización crecente.

Ao mesmo tempo, a promesa de xeración de emprego cualificado para talento local é profundamente enganosa. En primeiro lugar, porque moitos dos perfís serán subcontratados a través de empresas intermediarias e en condicións de alta precariedade. En segundo lugar, porque a natureza mesma destes empregos —ligados á industria militar— fai imposible consideralos parte dun modelo de desenvolvemento xusto, sostible e democrático. As experiencias internacionais demostran que os empregos vinculados á industria da defensa están suxeitos a altos niveis de secretismo, rotación, dependencia tecnolóxica externa e subordinación aos intereses estratéxicos das grandes potencias armadas.

Entrementres, o investimento público necesario para afrontar os grandes desafíos do noso tempo —a emerxencia climática, a crise da saúde pública e dos nosos sistemas de axuda á dependencia, os avances contra doenzas como o cancro, a necesidade dunha transición enerxética xusta, a loita contra as desigualdades ou a garantía dos dereitos sociais…— continúa a ser insuficiente. En lugar de destinar recursos ao fortalecemento dos servizos públicos, da ciencia civil, das infraestruturas verdes e da dixitalización inclusiva, os gobernos están abrindo as portas a empresas como Indra para converter as nosas cidades en nodos da guerra tecnolóxica global.

Desde Insubmisas contra o Rearmamento Galicia esiximos o rexeitamento público e institucional deste proxecto e de calquera outro que contribúa a consolidar a industria de guerra en Galicia. Reclamamos a reorientación inmediata dos fondos públicos cara a proxectos civís de alto valor social e ambiental, así como a máxima transparencia sobre os contratos, convenios e colaboracións entre administracións públicas e empresas do complexo militar‑industrial. Galicia non pode nin debe poñerse ao servizo da destrución, senón do coñecemento, da solidariedade, da vida digna e da paz.

Non estamos diante dun modelo de progreso nin de vangarda. Estamos diante dunha deriva profundamente perigosa que afonda na militarización da economía e da tecnoloxía. Vigo non pode converterse nun laboratorio da guerra. O noso territorio ten talento, capacidade produtiva e potencial humano para liderar unha transición ecosocial baseada na xustiza, na paz e na democracia. Non

Comparte éste artículo
No hay comentarios