Rafa Domínguez sinala o asasinato de Alexandre Bóveda como unha “inxustiza con Galicia” nos actos do Día da Galicia Mártir no Museo de Pontevedra

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, participou este luns no acto de depósito das cascas do piñeiro da Caeira (Poio) no que foi asasinado Alexandre Bóveda en 1936 ante o cadro “A derradeira leición do mestre”. O acto, organizado no Museo de Pontevedra pola institución provincial coa Fundación Alexandre Bóveda e a participación da Fundación Castelao, encádrase no Día da Galicia Mártir, lembrando o día no que Bóveda foi asasinado por parte do réxime franquista. “Pero non só foi el, tamén tantas outras persoas coñecidas e moitas anónimas, das que durante demasiado tempo apenas se falou”, sinalou o vicepresidente provincial, que lembrou que “Alexandre Bóveda foi asasinado por amar Galicia e iso foi unha enorme inxustiza, con el, coa súa familia e os seus amigos, e unha inxustiza para Galicia, que perdeu un dos seus membros máis destacados”.

Os fragmentos do piñeiro fronte ao que foron fusilados Alexandre Bóveda, Víctor Casas, Amancio Caamaño, José Adrio, Germán Adrio, Telmo Bernárdez, Paulo Novás, Ramiro Paz, Luis Poza, Benigno Rey e Juan Rico, foron recollidos e gardados pola viúva de Alexandre Bóveda, Amalia Álvarez.

A súa filla, Amalia Bóveda, depositou as cascas por primeira vez diante do cadro de Castelao, exposto ata o 27 de setembro no Museo de Pontevedra, e que foi pintado precisamente inspirado no fusilamento de Bóveda e en homenaxe a todos os mártires galegos.

O vicepresidente da Deputación sinalou que “foi Castelao, exiliado para non correr a mesma sorte, quen presentaba este marabilloso cadro un 17 de agosto”, un cadro no que “reflexaba o horror e a dor ante a figura do seu amigo, tendido no chan, recentemente asasinado”. O vicepresidente asegurou que no cadro, ademais, “pódese ver a esperanza nun futuro mellora para Galicia, unha Galicia democrática e libre”. Neste sentido, Domínguez asegurou que “desde entón avanzamos moito, quizais non tan rápido como deberiamos pero avanzamos, xa que non fai tantas décadas era impensable celebrar un acto como este, ou tamén ver alguén do meu partido político neste acto”.

Malia iso, Rafa Domínguez asegurou que “non podemos autocompracernos nin durmirnos, porque aínda vemos ao noso arredor situacións que lembran demasiado aos anos previos ao 36: partidos políticos que difunden ocio ao diferente, que negan a violencia de xénero e que senten orgullo de non participar en actos como este”. Ante esta situación, sinalou, “como responsables políticos temos a responsabilidade de non mirar para outro lado, de defender a democracia, a liberdade e a convivencia, combatendo as políticas que buscan dividirnos, enfrontarnos ou negar a dignidade dos demais”.

O vicepresidente tamén participou, a continuación, no acto institucional diante do monumento da Caeira, en Poio

O vicepresidente encadrou a celebración deste acto na “absoluta normalidade” e “co profundo orgullo de saber que estamos contribuíndo a reparar, aínda que sexa só en parte, a inxustiza que se cometeu fai agora 90 anos, a poucos metros de aquí”. Por iso, asegurou, “o noso deber é darlles voz a Bóveda e todas as vidas das que apenas queda memoria, porque facelo é un acto de memoria e un acto de xustiza”. A continuación, Rafa Domínguez asistiu ao habitual acto institucional do Día da Galicia Mártir organizado ante o monumento a Bóveda situado na Caeira, organizado pola Fundación Alexandre Bóveda e o Concello de Poio.

Comparte éste artículo
No hay comentarios