A retirada da candidatura da Coruña ao mundial de fútbol masculino 2030 constitúe un “fracaso” do Goberno Local que nace da súa “propia inacción”.
Así o defendeu, durante o Pleno extraordinario que tivo lugar este venres, o noso concelleiro David Soto.
“O Goberno Local tiña dous obxectivos que cumprir en relación ao mundial 2030: conseguir que A Coruña fose sede e facelo en beneficio da cidade. Fracasou en ambos, non por causas fortuítas, senón pola súa propia inacción”, afirmou.
O Goberno de Inés Rey xestionou mal o asunto e, ademais, o fixo cunha absoluta falta de transparencia, denunciou David Soto.
“Nunca se chegou a revelar en que consistiría a reforma do estadio, que entidades asumirían o custe e en que porcentaxe nin que obtería o suposto operador privado a cambio do seu investimento”, resaltou.
Esa falta de transparencia levou o BNG a ser “cautelosos co proxecto”. “Hoxe sabemos que o Goberno de Inés Rey vendeu a pel do lobo antes de cazalo. Creou unhas enormes expectativas e de forma hiperbólica chegou a comparar o impacto do evento con Barcelona 92, mais non fixo o suficiente para sacar adiante o proxecto”.
A Xunta tamén foi o albo das críticas de Soto. “Na súa actuación, vemos, mais unha vez, o seu desleixo cara á Coruña. Anunciaron que colaborarían no financiamento, mais nunca chamaron o resto de institucións para sentar a negociar, nin consignaron ningunha partida nos seus orzamentos. Tan só trasladaron a súa intención de financiar a reforma do Estado a partes iguais coa Deputación e o Concello, cuxas capacidades financeiras son moito menores”.
Soto puxo de relevo como o argumentario que utiliza agora Inés Rey -que o mundial 2030 hipotecaría o futuro da cidade- sería o que debería ter utilizado desde o principio, que foi o que fixo o BNG.
Sobre o novo convenio
Canto ao novo escenario a respecto da relación co Deportivo, ao BNG parécelle unha “boa noticia” o entendemento entre o Dépor e o Concello, “e non nos opoñemos a que o Dépor poda explotar economicamente o estadio, mais si esiximos que sirva para as arcas municipais ingresar fondos e deste xeito se podan financiar mellores servizos público para toda a veciñanza”.
En todo caso, o BNG teme que na xestión deste novo escenario se reproduza a falta de transparencia que caracterizou a falida operación mundial 2030 e, nese sentido, David Soto fixo unha proposta: a constitución dunha comisión informativa sobre as conversas entre o Concello e o Deportiva para a reforma da Cidade Deportiva de Riazor, semellante á creada arredor do mundial.
“Imos esixir sempre transparencia: que podamos fiscalizar os acordos e propostas de mellora. No BNG non damos apoios incondicionais, iso deixámosllo ao PP, que primeiro deu un apoio incondicional e agora critica o fracaso do Goberno Local de forma oportunista. O que imos esixir, desde logo, a cambio do noso apoio, é que toda intervención en Riazor estea supeditada a impactar de forma positiva no ben común desta cidade”, concluíu.