Derradeira fin de semana de marzo e, con ela, chega o cambio de hora. Esa tortura que fai do verán algo interminable e pon do revés o amencer, a escuras mentres a noite non parece chegar nunca. Un horario que a día de hoxe xa non se sustenta en ningún aforro enerxético nin demasiada base científica que o avale, nunha España á que, por posición xeográfica correspondería ir no huso portugués e non no da Europa Central de 1940, cando Franco decidira que había que ir ao unísono cos veciños europeos. Na hora, porque a democracia si que non se plantexou imitala para España.
Nesta fin da terra onde morre o sol e que os romanos bautizaron por iso mesmo coma Costa da Morte, o fulgor do deus Ra moitos días non deixa de brillar até preto das once da noite. Si, ideal para desfrutar de terrazas e paseos polas praias, se todos fosemos ociosos turistas na procura de diversión. A calor que se prolonga ás horas que deberan ser de descanso para o común dos mortais que teñen que traballar para vivir, mentres a escuridade parece un luxo lonxano que non gozaremos antes de que pasen meses de agotadora luz. Erguerse de noite e deitarse de dia non parece nin sequera saudable, só porque un tirano hai máis de oitenta anos tivo o capricho de querer sentirse parte do continente. E por certo que xa está reglado que así seguiremos ata 2031. Porque pese ás múltiples enquisas onde sempre sae o non ao cambio de hora, a tiranía segue instaurada neste senso. Como se non pasaran oitenta e seis anos. Mágoa que o único que se adiante sexa nos reloxos.
Fotografía. Depositphotos