Ler. Por @DulceCorcu

Co pasamento de Mon, a quen coñecín na miña mocidade e seguín tratando despois ao longo dos anos cando acodía á biblioteca a buscar lecturas e charlabamos sobre eles, volvín sentir a calor e, ao mesmo tempo, a nostalxia por eses lugares que agora son tan diferentes, con mesas cheas de ordenadores e xente que os visita para moitas cosas, pero non necesariamente para ler. 

Porque a min o que me gustaba cando ía á biblioteca de Cee que atendía Mon, era que só había libros.  Arrecendo a papel e antigo, edicións vellas e sobadas, que daban conta das mans que os sostuveran antes das miñas, e dos ollos que probablemente os devoraran coa mesma fruición que os meus. Alí descobrín títulos e autores que agora moran na miña propia biblioteca, que pasaron a formar parte da miña vida e que con cada nova publicación, aí estaba eu para ser a primeira en levala comigo. Alí, na biblioteca de Mon, topei un día con «La música del azar» de Paul Auster, a quen non coñecía pero a quen xa nunca fun quen de abandoar. É unha vella historia, pero quen me coñece ben sabe o meu con Paul Auster. Ou con «La Carretera» de Cormac McCarthy, paixóns desatadas que esperta en min, desde que teño lembranzas, o feito de ler. Porque se hai algo innato na miña natureza, é iso mesmo: o pracer de ter un libro entre mans. Dese desfrute a soas que propicia vivir tantas vidas que acaban por converterse na túa, protagonista que percorre mundo e culturas, que se transforma en cada capítulo e que tantas veces teme, ansía ou agarda impaciente o que hai ao outro lado da páxina. Ler é o único que nunca deixei de facer nunca, inconstante para todo menos para volver a aquela biblioteca onde Mon tiña sempre a cabeza mergullada entre papeis, e que só erguía para que sentiras a calidez do seu trato e desa estancia que, coma el, xa será para sempre  inesquecible. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios