Ao igual que Julio César, na Televisión de Galicia (TVG) tamén son advertidos a cotío da catástrofe que se aveciña. E, ao igual que o emperador romano, tamén fan oídos xordos. Porque baixo esa espada de Damocles á que están suxeitas todos os medios, as audiencias veñen de ditar a sentenza dun declive longamente anunciado co peor mes de marzo de toda a historia do ente público autonómico. Triste récord para unha televisión financiada cos impostos dos cidadáns para maior gloria da falta de rigor e, en moitos casos, da chabacanería e a desinformación.
A loita do coletivo «Defende a Galega» por unha radio e televisión sen purgas nin manipulacións xa leva tempo evidenciando o que acontece neses platós onde reina a falla de calidade, veracidade e de amor propio. Programas adicados a Jesulín de Ubrique ou con Boris Izaguirre coma xurado nun concurso de cantantes, dan idea de que o galego, precisamente, non é o que representan. A pluralidade é inexistente nunhas tertulias e informativos onde o único sesgo pasa por adular ao «amado líder» do noso país e ao que marchou para Madrid, e sobre todo metendo en cada frase «Sánchez malo» para que non que non se despiste ninguén do verdadeiro cometido das súas emisións. Incluso se atreveron a descabezar do mítico «En Xogo» a Óscar Benito tras toda unha vida sendo a cara visible dun dos formatos máis aclamados de toda a súa programación. O dito: non son moi espelidos para ver os sinais da decadencia que agora, os idus de marzo, ofrecen en bandexa non de prata…Senón nunha envelenada co produto dunxa xestión que se resume en que se prendemos a tele, é para ver calquera cousa menos a TVG.