O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou este mércores ao presidente da Xunta de presentar, no transcurso do Debate sobre o Estado da Autonomía, “un relato que non se corresponde coa Galicia real”. Segundo o líder socialista, as palabras de Alfonso Rueda foron “un exercicio de propaganda que tenta tapar dous anos de xestión sen rumbo e 17 anos de políticas esgotadas do Partido Popular”.
Besteiro sinalou que Rueda “fixo unha emenda á totalidade do seu propio goberno” cun discurso no que, ao seu xuízo, “non apareceu a vida diaria dos galegos nin os problemas que marcan o presente do país”. “Falou dunha Galicia que non existe mentres miles de persoas seguen esperando solucións que nunca chegan”, advertiu.
Vivenda e Sanidade: “Anuncios en lugar de políticas”
O líder socialista puxo o foco na crise da vivenda, lembrando que hai máis de 32.000 persoas inscritas no rexistro de demandantes “sen ningunha resposta real por parte da Xunta”. Criticou que a única proposta do presidente sexa “seguir esperando por un futuro que nunca chega”, sen medidas inmediatas para facilitar o acceso, especialmente á mocidade. “Non hai política de vivenda; hai anuncios”, resumiu.
En materia sanitaria, denunciou que Galicia atravesa unha “situación límite” que o titular do Executivo decidiu ignorar, con listas de espera históricas e unha atención primaria debilitada. “O problema é evidente, pero a resposta segue sendo a mesma: non facer nada distinto”, afirmou.
Industria e Servizos Sociais
Besteiro cualificou de “especialmente preocupante” a ausencia dun proxecto industrial. “Pasamos da opacidade de Altri á de Recursos de Galicia, pero sen unha estratexia de país”, indicou, concluíndo que o único impulso industrial procede do Goberno de España e dos fondos europeos: “Aquí non hai modelo, hai improvisación”.
No eido social, advertiu do “fracaso acumulado” na atención aos maiores, cun déficit superior ás 11.000 prazas residenciais. “Levan anos anunciando as mesmas prazas que nunca se materializan”, sinalou.
Financiamento e incendios
O secretario xeral destacou tamén o “silencio revelador” do presidente sobre o financiamento autonómico, ao que apenas dedicou “dez segundos nun debate clave”. Para Besteiro, esta é a proba de que o PP “non ten unha posición política definida para defender os intereses de Galicia”.
Así mesmo, criticou as “contradicións constantes” do Goberno galego en materia fiscal e de infraestruturas, reprochando que se reclamen máis recursos ao Estado mentres se reducen impostos sen criterio. Finalmente, cuestionou a xestión de incendios forestais: “Galicia arde en pleno mes de abril mentres a Xunta presume dun Pladiga que nin sequera foi publicado. Hai máis propaganda que prevención”.
“Fallan no estrutural, na planificación e no máis importante: en ofrecer respostas reais á xente”, concluíu Besteiro, definindo o balance de Rueda como “absolutamente insuficiente para a Galicia que existe fóra do Parlamento”.