A Feira das Nenas encherá A Silva de música, gastronomía, exhibicións e a clásica feira cabalar os vindeiros 18 e 19 de abril

O Concello de Cerceda presenta o programa oficial da celebración, que conta co apoio da Comisión de Festas Espíritu Santo da Silva e da Deputación da Coruña.

A Feira das Nenas da Silva xa conta co seu programa oficial. Organizada polo Concello coa colaboración da Comisión de Festas Espíritu Santo da Silva e a Deputación, celebrarase os vindeiros 18 e 19 de abril cunha proposta chea de actividade, tradición e lecer para todos os públicos, coa feira cabalar como un dos seus grandes eixos.

O sábado 18 abrirá a festa ás 10:00 horas con bombas de palenque e un pasarrúas musical que marcará o inicio das celebracións. Ás 11:00 horas, unha degustación de feixós reunirá aos asistentes antes da inauguración oficial, prevista para as 13:00 horas a cargo do alcalde e outras personalidades. A sesión vermú arrincará ás 14:00 horas.

Pola tarde, A Silva encherase de actividade con paseos en carruaxe e poni para nenos e nenas, obradoiros infantís de pintacaras e globoflexia e exhibicións de enduro. O programa complétase co torneo de xadrez ‘Feira das Nenas’, a actuación da coral Voces Veteranas de Culleredo ás 17:00 horas e, ás 18:00 horas, coa exhibición da escola de ximnasia rítmica do colexio Celso Emilio Ferreiro.

Á noite elevarase o ritmo coa actuación da Orquestra Panorama, acompañada da discomóbil Impacto e DJ Bermúdez.

O domingo 19 comezará ás 10:00 horas coa feira tradicional e un pasarrúas da charanga Os Atrevidos, seguido da ruada de AC Folque Ruada. Ás 13:00 horas, unha degustación de bolos preñados abrirá paso á sesión vermú das 14:00 horas co Grupo Tania Veiras.

Ás 18:00 horas, Laura Añón e Fran Cañotas conducirán a presentación da Parella da Feira das Nenas 2026, momento no que tamén se entregarán os premios da feira cabalar. A verbena iniciarase ás 19:00 horas co Grupo Tania Veiras e a Orquestra New York, nunha noite que incluirá unha sesión de  fogos de artificio ás 22:00 horas.

Durante toda a fin de semana, o recinto contará cunha exhibición de escultura en madeira con motoserra a cargo de Eugenio Linares, unha carpa de exposicións multisectorial e polbeiras.

FEIRA CABALAR

En paralelo, o domingo desenvolverase a clásica feira cabalar, na que os participantes competirán nas modalidades de andadura galega, tanto serrada como chapeada. O programa inclúe tamén unha xincana, un concurso morfofuncional de poldros e unha exhibición de andadura de cabalo marchador galego.

O alcalde, Juan Manuel Rodríguez, subliña que a Feira das Nenas “é unha das citas máis relevantes do calendario festivo local”. Neste sentido, o rexedor incide na “importancia de manter as feiras tradicionais” e convida a veciñanza a achegarse á Silva para participar e gozar deste fin de semana de celebración.

Comparte éste artículo
No hay comentarios