O CICA da Universidade da Coruña reforza a súa estratexia en saúde global coa visita do experto en “One Health” Bruno González Zorn

O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña recibirá o vindeiro 14 de abril a visita do investigador Bruno González Zorn, catedrático da Universidade Complutense de Madrid, director da Unidade de Resistencia a Antibióticos e asesor no grupo CIA (Antibióticos Críticamente Importantes) da Organización Mundial da Saúde (OMS).

Esta visita enmárcase nas accións estratéxicas do CICA que, tras consolidar o seu posicionamento no ámbito da saúde global a través do enfoque One Health, dá agora un paso máis cara á internacionalización da súa actividade científica, promovendo novas colaboracións con centros e proxectos internacionais, así como fomentando sinerxías co tecido produtivo.

O enfoque One Health, que aborda de maneira conxunta a saúde humana, animal e ecosistémica, funciona como eixo vertebrador entre os máis de 30 grupos de investigación que forman o CICA. Este modelo resulta clave para afrontar desafíos actuais como a propagación de patóxenos resistentes, as enfermidades emerxentes ou o impacto do cambio climático na saúde.

  • Formación en desafíos en saúde global

Durante a súa estancia, González Zorn impartirá no centro a conferencia titulada “One Health: marco interdisciplinar para abordar desafíos en saúde global”, dirixida ao persoal investigador do CICA.

A sesión constituirá unha oportunidade para coñecer de primeira man a visión dun experto internacional de referencia no ámbito da saúde global que, ademais do seu labor investigador, participa como asesor da OMS no deseño de estratexias para o uso responsable de antibióticos e a loita contra a resistencia antimicrobiana.

Esta actividade permitirá identificar novos retos científicos e facilitar que os distintos grupos de investigación continúen integrando o enfoque One Health nas súas liñas de traballo, reforzando a súa proxección internacional.

  • Unha visita aliñada coa estratexia científica do centro

Ademais da sesión aberta ao persoal investigador, a visita incluirá varias reunións de traballo co equipo de dirección e xestión do centro.

A presenza dun experto internacional con ampla experiencia en políticas sanitarias permitirá identificar oportunidades, fortalecer a orientación interdisciplinar do centro e impulsar a participación en iniciativas colaborativas a nivel europeo e global.

  • Un referente internacional en resistencia a antibióticos

Bruno González Zorn é director da Unidade de Resistencia a Antibióticos da Universidad Complutense de Madrid e participa activamente en iniciativas internacionais orientadas á vixilancia e control da resistencia antimicrobiana.

En 2024, González Zorn recibió un novo recoñecemento ao ser elexido presidente de One Health na Alianza Europea “Una Europa” por un periodo de dous anos.

A súa participación como asesor da OMS no grupo CIA, que aborda a resistencia antimicrobiana dende unha perspectiva One Health, sitúao entre os especialistas europeos de referencia neste ámbito.

Recentemente, o profesor Bruno González Zorn participou como relator na inauguración do One Health Summit 2026, celebrado na cidade de Lyon, un encontro internacional impulsado polo G7 que reuniu líderes políticos, científicos e organizacións internacionais para abordar os grandes desafíos sanitarios globais.

Sobre o CICA

O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) creouse en 2015 como un centro de investigación de ciencias avanzadas e que, actualmente, conta con máis de 200 investigadores e investigadoras pertencentes a tres áreas científicas: Biomedicina; Alimentación, Contaminación e Saúde; e Nanociencia e Materiais Avanzados.  

Desde 2024, o CICA conta co apoio financeiro da Unión Europea a través do Pograma Galicia FEDER 2021–2027 e forma parte da rede CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación no sistema universitario galego.   

A excelencia investigadora, a transferencia tecnolóxica e a transmisión de coñecemento á sociedade forman os tres piares sobre os que se fundamenta o centro de investigación. É recoñecido pola atracción de talento, a visibilidade da muller científica e a promoción da igualdade de xénero, contando cunha presenza feminina superior ao 50%. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios