O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denuncia o grave incumprimento da Lei 20/2022, de Memoria Democrática, por parte do Goberno do Estado ao manter no Pazo da Capitanía da Coruña a denominación franquista do denominado “Salón de Honor Tenente Xeneral Yagüe”, un espazo que continúa a honrar a figura dun coñecido responsábel da represión durante a ditadura.
A citada lei estabelece no seu artigo 1.3 o repudio e condena do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 e da posterior ditadura franquista, reafirmando os principios democráticos e a dignidade das vítimas. Así mesmo, o artigo 35 regula a retirada de todos aqueles elementos que supoñan exaltación da sublevación militar ou da ditadura, incluíndo nomes de espazos públicos que homenaxeen a dirixentes ou participantes na represión franquista.
Porén, o Ministerio de Defensa continúa incumprindo esta normativa ao manter a denominación do “Salón de Honor Tenente Xeneral Yagüe” nun edificio de titularidade pública, vulnerando claramente a obriga legal de retirar este tipo de simboloxía. Ademais, o BNG denuncia que non só se conserva a placa, senón que se fai publicidade activa desta sala nas visitas guiadas ao Pazo da Capitanía, contribuíndo á normalización e exaltación dunha figura asociada á violencia franquista.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, a través de iniciativas na cámara baixa exixe ao Goberno do Estado “a retirada inmediata de toda referencia ao Tenente Xeneral Yagüe nas instalacións da Capitanía da Coruña, así como o cumprimento estrito da Lei de Memoria Democrática en todas as dependencias do Ministerio de Defensa”.
Rego reclama tamén “explicacións públicas sobre os motivos polos que, catro anos despois da entrada en vigor desta lei, o Ministerio de Defensa e, en consecuencia, o Goberno do Estado aínda manteñen estes elementos de exaltación franquista”.
Neste sentido, o deputado nacionalista demanda ao executivo estatal actuar “sen máis dilación para eliminar toda a simboloxía franquista existente nas cidades da Coruña e Ferrol, adoptando medidas concretas, verificábeis e con prazos definidos”.
Rego cualifica a situación de “intolerábel nunha cidade democrática como A Coruña” e sinala que “non pode ser que espazos públicos continúen a render homenaxe a responsábeis da barbarie franquista mentres as vítimas continúan a reclamar verdade, xustiza e reparación”.
Neste sentido, insta o Goberno a “actuar con responsabilidade e retirar de inmediato esta denominación, en coherencia coa legalidade vixente e co respecto á memoria democrática”.