Julio Torrado acusa a Alfonso Rueda de “privatizar” a saúde mental e alerta dunha deriva similar na saúde laboral

O portavoz de Sanidade do Grupo Parlamentario Socialista, Julio Torrado, analizou hoxe a situación da sanidade galega tras o Debate do Estado da Autonomía, concluíndo que o Goberno de Alfonso Rueda persiste nunha estratexia de «anuncios baleiros» e unha perigosa deriva cara á privatización de dereitos básicos.

Saúde mental: un dereito condicionado pola carteira

Torrado cualificou de «especialmente preocupantes» os datos do último informe do Consello Económico e Social (CES), que revelan que máis dun 7% da poboación galega sufriu un trastorno mental severo no último ano e un 4% tivo ideas suicidas ao longo da súa vida.

Ante esta realidade, o deputado denunciou que a Xunta está a converter a saúde mental nun servizo «de pago»:

“Seis de cada dez persoas que requiren atención en saúde mental en Galicia acoden ao ámbito privado pola falta de acceso en tempos razoables no sistema público. Isto non é xestión, é unha privatización de facto dun dereito fundamental”, sinalou.

A ofensiva contra a saúde laboral

O portavoz socialista tamén advertiu sobre a intención da Xunta de dar maior protagonismo ás mutuas na xestión das baixas laborais. Para Torrado, este movemento busca «sinalar ao traballador como o elo máis débil» en lugar de actuar sobre as causas estruturais: a precariedade, os baixos salarios e o elevado consumo de psicofármacos en Galicia.

O PSdeG rexistrará unha pregunta no Parlamento para esixir que o Executivo explique por que pretende ceder competencias clínicas a entidades privadas, poñendo en dúbida a independencia nas decisións médicas.

Atención Primaria: «Déjà vu» de promesas incumpridas

No que respecta á Atención Primaria, Torrado lamentou que o presidente da Xunta volvera presentar medidas «recicladas» de anos anteriores. Criticou a falta de planificación dun Goberno que «elimina e recupera estruturas de forma errática» sen que iso se traduza nunha mellora real da asistencia ou nun reforzo estrutural do persoal.

Iniciativa parlamentaria

O PSdeG levará ao vindeiro pleno unha iniciativa integral para:

  1. Reforzar o persoal especializado de forma inmediata.
  2. Cambiar o modelo asistencial, garantindo unha integración real entre a Atención Primaria e os servizos de saúde mental para evitar a perda de pacientes no sistema.

“O balance é claro”, concluíu Torrado. “Unha Primaria con problemas estruturais, unha saúde mental sen resposta e unha ofensiva contra os dereitos laborais. En definitiva, unha política sanitaria que sae do debate peor de como entrou”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios