A CIG-Ensino denunciou hoxe o que considera unha «vulneración sistemática de dereitos» e unha «xestión nefasta» por parte da Consellería de Educación no relativo ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE). A situación chegou a tal extremo de gravidade que as familias do IES Agra de Raíces (Cee) víronse obrigadas a acudir aos tribunais para esixir o profesorado especialista que a Administración lles negaba dende inicio de curso.
Unha orde xudicial deu a razón ás familias, obrigando á Xunta a restituír o nivel de apoio do curso pasado. Porén, o sindicato alerta de que a resposta da Consellería non foi crear novas prazas, senón «improvisar parches» que prexudican a outros centros da comarca.
Un «efecto dominó» que desmantela a comarca
Segundo detalla a CIG-Ensino, para cumprir co auto xudicial, Educación realizou un transvarse de recursos inaceptable:
- No CEIP Virxe da Barca de Muxía, nomeouse unha docente de Audición e Linguaxe (AL) a media xornada que debe repartirse co IES Agra de Raíces.
- No CEIP Vila de Cee, modificouse o horario da especialista itinerante, deixando sen servizo á EEI de Pereiriña.
- No CEIP de Brens, obrigouse a unha docente de Primaria a exercer funcións de AL para cubrir o oco deixado polos cambios.
«Decidiron desvestir uns centros para vestir outros», denuncian dende o sindicato. Esta política de «recortes encubertos» provoca que o alumnado afectado pase a ser atendido por especialistas distintas, o que fragmenta a intervención e deteriora gravemente a calidade pedagóxica.
«Non hai inclusión sen profesorado»
A CIG-Ensino considera «intolerable» que a Consellería traslade os problemas dun centro a outro en lugar de resolvelos de raíz coa dotación de persoal necesaria. «A inclusión non pode ser un eslogan baleiro mentres se negan os recursos de oficio e se obriga ás familias a ir ao xulgado para que os seus fillos e fillas teñan unha atención digna», subliñan.
O sindicato esixe a dotación inmediata de persoal especialista suficiente en todos os centros afectados e o fin dunha política de improvisación que enfronta ás comunidades educativas e degrada o ensino público na Costa da Morte.