A plataforma ‘Transfuguismo Non, Democracia Si’ convoca á veciñanza de Lugo a manifestarse este venres ás 19.00 horas diante do Concello

A plataforma cidadá Transfuguismo NON, Democracia SI, encabezada na mesa por Lois Pérez, Isidoro Rodríguez, Luz Dariba e Bernardino Pardo, trasladou esta tarde o seu agradecemento polo apoio recibido e defendeu que as súas accións se desenvolven dende o «civismo, a pluralidade e a tolerancia», aínda que con firmeza nas súas conviccións democráticas.

Durante a intervención, agradeceron «a presenza de todas e cada unha das que estades aquí, tamén a presenza e o apoio dos que, non podendo estar aquí, nos están apoiando e non puideron vir nesta tarde, xa fose a título individual ou colectivo». Denunciaron que desde o luns están a recibir «insultos continuos e descalificacións por moitas canles». Ademais, subliñaron que actúan como «voceiros dunha maioría social de esquerdas» que cristalizou nun goberno de coalición entre PSOE e BNG no Concello de Lugo tras as últimas eleccións, o que lles dá lexitimidade para manifestar o seu «desacordo e indignación co atropelo antidemocrático».

Antes de dar paso ao manifesto, dirixíronse á concelleira María Reigosa e a persoas do seu entorno, ás que trasladaron que comprenden a preocupación existente nestes días pola súa amiga e compañeira. Advertironlle que «a ansia por medrar na política, a ansia polo poder, son cousas efémeras, transitorias, que aparecen e desaparecen”, mentres que “o que non desaparece e queda para sempre é a indignidade e non poder mirar aos ollos pola rúa desta cidade ás concidadás e aos concidadáns que lle confiaron o seu voto de esquerdas e a súa ilusión” por un concello baseado en servizos públicos de calidade, xustiza social e axuda ás veciñas e veciños que menos teñen.

Finalmente, «convidárona a rectificar, a pensar e a evitar esta vergoña que abochornaría a calquera demócrata», sen entregarse a unha forza política como o PP que está “moi lonxe destas coordenadas”.

MANIFESTO DA PLATAFORMA “TRANSFUGISMO NON, DEMOCRACIA SI”

Lugo está a vivir o capítulo máis escuro do noso período democrático. A recente manobra orientada a promover unha moción de censura apoiándose no transfuguismo non é un episodio máis da vida política: é un feito grave que interpela directamente os valores democráticos que sosteñen a nosa convivencia.

A moción de censura é, en esencia, un instrumento lexítimo dentro dos sistemas democráticos. Está concibida para situacións excepcionais nas que un goberno perdeu a lexitimidade moral para gobernar ou quebrou a confianza da cidadanía de maneira manifesta. Porén, cando este mecanismo se emprega de forma oportunista, desvirtuando o seu sentido orixinal, deixa de ser unha ferramenta democrática para converterse nun atallo cara ao poder. E os atallos en democracia teñen sempre un custo: erosionan a confianza pública, debilitan as institucións e fracturan a sociedade.

O que hoxe se formula en Lugo non responde a unha causa de interese xeral nin a unha urxencia política real. Preténdese alterar a vontade expresada nas urnas mediante unha manobra sustentada no transfuguismo, práctica que a cidadanía rexeitou reiteradamente por considerala contraria aos principios máis básicos da representación democrática. Trátase dun proxecto de cidade diferente: coches que volverían ao centro, plantas de biogás que se instalarian na contorna da cidade, programación cultural, deter o ascenso de población e crecemento dos últimos anos.

Cómpre lembrar o contexto. Este mandato estivo marcado por circunstancias extraordinarias, entre elas a perda de tres edís do goberno municipal, incluída a alcaldesa Paula Alvarellos, cuxo falecemento supuxo un golpe humano e político de enorme magnitude, así como os tamén falecidos Pablo Permuy e Olgo López Racamonde. Pretender aproveitar esa situación para forzar un cambio de goberno non só carece de lexitimidade política, senón que resulta profundamente insensible desde o punto de vista humano.

A cidadanía lucense votou nas últimas eleccións municipais un determinado equilibrio de forzas. Ese equilibrio é o reflexo da pluralidade de Lugo. Alteralo mediante acordos construídos sobre o transfuguismo non é unha reinterpretación da vontade popular: é un golpe a esa vontade. Un golpe silencioso, revestido de legalidade formal, pero carente de lexitimidade ética.

As consecuencias dunha acción así van moito máis alá do ámbito institucional. Xera crispación, divide a sociedade, enfronta a veciños e veciñas e alimenta unha desconfianza que tarda anos en repararse. A política deixa de percibirse como unha ferramenta para resolver problemas comúns e pasa a verse como un terreo de manobras tácticas á marxe da cidadanía. E cando iso ocorre, perde a democracia no seu conxunto.

Lugo non precisa máis confrontación. Non precisa máis ruído. Non precisa estratexias que bloqueen o seu desenvolvemento e desvíen a atención dos verdadeiros retos: o crecemento económico, a mellora dos servizos públicos, a cohesión social e o benestar da súa xente. A crispación política non constrúe: paraliza. Non soluciona: agrava.

Por todo iso, desde a plataforma “Transfugismo non, democracia si” afirmamos con rotundidade:

  1.  Que o transfuguismo non pode ser a chave para acceder ao goberno dunha institución democrática.
  2.  Que esta moción de censura, nas circunstancias actuais, constitúe unha manobra inmoral que non responde ao interese xeral, senón ao afán de acadar o poder.
  3. Que alterar o rumbo político da cidade debe ser unha decisión da cidadanía, expresada libremente nas urnas, e non o resultado de operacións de despacho.

O lugar lexítimo para decidir o futuro goberno de Lugo é maio de 2027. Ese é o momento no que a veciñanza debe avaliar, decidir e outorgar ou retirar a súa confianza. Adiantar ese veredicto mediante prácticas cuestionables non só é inxusto: é profundamente daniño.

Hoxe máis ca nunca, é necesario defender a dignidade da política, o respecto ás regras do xogo e a vontade da cidadanía. Hoxe máis ca nunca, é necesario dicir alto e claro: Transfugismo non. Democracia si.

Lugo merece respecto. Lugo merece honestidade. Lugo merece decidir.o para a saúde democrática da nosa cidade.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios