O escritor Juan Galán recupera a memoria do galego Joaquín Fernández Millán e a historia da traxedia compartida dos republicanos recluídos nos campos de concentración e de traballo franceses.
O vindeiro venres día 24 de abril, ás 19:00 horas, na libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6. Santiago de Compostela), a Fundación Luís Tilve presenta a nova obra do escritor Juan Galán: “Rotspanier. Un miliciano galego no exilio francés. 1939-1945”, resultado dunha extensa investigación en arquivos franceses e alemáns, que recolle a peripecia vital de Joaquín Fernández Millán, un mariñeiro da Pobra do Caramiñal, que tras emigrar ó País Vasco, na década de 1920, loitou como miliciano republicano no Exército de Euskadi, e que, como tantos outros españois, a inicios de febreiro de 1939, se viu na obriga de cruzar os Pireneos para exiliarse en Francia, onde estes serían internados en campos de concentración durante a Segunda Guerra Mundial, separados das súas familias, forzados a traballar en compañías de traballo (CTE e GTE) na zona controlada polo Goberno de Vichy e, posteriormente, para a Organización Todt, na zona ocupada polos nazis, na construción do Muro Atlántico.
Trátase dunha obra de enorme interese pola combinación que fai entre a biografía e o ensaio, enchendo os baleiros da historia de Joaquín con numerosa información sobre os pasaxes máis duros e menos coñecidos deste exilio republicano, os “Rotspanier” (“rojo” español), e as vivencias de miles de homes, mulleres e nenos que escaparon dunha ditadura nacente para acabar caendo nas mans do fascismo europeo e obrigados a traballar para a maquinaria nazi, a través, en ocasións, doutras historias de vida.
A presentación da obra, publicada pola Editorial Galaxia dentro da súa «Colección Memoria», contará coas intervencións do Director da Fundación Luís Tilve, Guillerme Pérez Agulla, e do actor Roberto Leal, fillo de Juan Leal Tenreiro, refuxiado en Francia en 1939, que achegará unha visión máis próxima e vívida do que supuxo aquela experiencia para as familias.
Juan Manuel Galán Suárez, docente, licenciado en filoloxía inglesa, ten unha longa traxectoria na divulgación da memoria histórica, colaborando en medios de comunicación, ademais de ser vogal da xunta directiva da Asociación Memoria Histórica Democrática de Ferrol. É tamén autor de obras de ficción como “Romanza de los naranjos en flor”, “El eco de tu voz” ou “Las tribulaciones de Bruno Lamas”, que conteñen así mesmo unha gran carga histórica.
Día : Venres, 24 de abril de 2026.
Hora : 19:00 horas
Lugar: Libraría Couceiro
(Praza de Cervantes, 6. Santiago de Compostela)
Para máis información ou concertación de entrevista:
645 910 704 (Guillerme Pérez Agulla)