As Asociacións de Veciños de Lugo agrupadas na plataforma SALVEMOS LUGO tomamos a palabra para rescatar a nosa cidade e apoiar un cambio que nos saque do abandono e nos devolva o orgullo de ser de Lugo.
Esta plataforma veciñal non vai de siglas políticas nin ideoloxías. Vai de salvar unha cidade que agoniza pola falta de xestión.
Non nos interesan as dereitas nin as esquerdas. Queremos xestión, fiabilidade e solucións aos problemas.
Para Lugo xa pasou o tempo dos discursos e das pelexas e chegou a hora dos feitos porque as deficiencias desta cidade non poden espera máis.
Entre as moitas necesidades que ten Lugo, os veciños propoñemos xa un decálogo de máxima urxencia:
- Rúas da cidade e estradas do rural sen baches
- Praia fluvial xa
- Protectora de animais xa
- Fóra a cita previa de todo o Concello
- Un plan de abastecemento e saneamento para o rural
- Solucións para a falta de aparcamento
- Medidas de apoio para o comercio local
- Abrir as instalacións deportivas públicas para a cidadanía
- Un plan con sentido común para as termas artificiais e a fábrica da luz
- Un plan profesional para promocionar Lugo no exterior.
E chegou o momento de dar unha oportunidade a outras persoas con programas novos para ver se son quen de poñer en pé esta cidade ou se leva razón o alcalde e nun ano non se pode facer nada.
Nós pensamos que si se pode facer e estaremos moi atentos porque esta petición de cambio non é un cheque en banco e, da mesma maneira que agora pedimos un cambio necesario e lexítimo, se o novo equipo tamén falla, pedirémoslle que se vaia para a casa.
Esixímoslles aos dirixentes, sexan do partido que sexan, que traballen con ambición e que teñan moi claro que Lugo e os lucenses somos o primeiro, que eles están para traballar e non para repartirse o pastel.
Non queremos máis excusas, nin máis retrasos. Non queremos ser a cidade máis atrasada de España. Non queremos sentir vergonza de ver como Lugo se convirte nunha cidade pobre que non conta para nada.
Queremos que a nosa cidade se xestione con eficacia e se poña nun lugar preferente no mapa das cidades históricas, que os servizos funcionen, que o comercio local sexa forte e que ser de Lugo sexa unha oportunidade e non un lastre.
E esiximos un equipo capaz que saque a cidade da decadencia e volva poñer en valor a nosa riqueza cultural, paisaxística e gastronómica, para devolvernos o orgullo de sermos de Lugo.