Rodrigo Ramos e Elena Zas presentan “Milonga de ollos dourados”, unha revisión contemporánea do clásico de Zitarrosa

Milonga de ollos dourados” xa está dispoñible en todas as plataformas a través do seguinte enlace https://rodrigoramos.lnk.to/MilongaDeOllosDourados

Descubre más noticias musicales como ésta

O cantautor galego Rodrigo Ramos presenta xunto a Elena Zas Milonga de ollos dourados, unha adaptación ao galego da emblemática canción popular uruguaia composta e interpretada por Alfredo Zitarrosa.

A peza parte dunha das composicións máis recoñecibles do repertorio de Zitarrosa, unha declaración de amor na que a música funciona como mensaxeira.

A letra constrúese como un diálogo coa propia milonga, á que o narrador lle pide que leve unha mensaxe de amor a unha muller ausente. A canción móvese entre a lembranza e o desexo: a evocación desa muller —“de ollos dourados”— e a imposibilidade de estar con ela. Nese xogo, a música convértese na canle a través da que esa mensaxe pode chegar ata ela.

Alfredo Zitarrosa foi unha das figuras clave da música popular uruguaia do século XX. El mesmo afastábase da etiqueta de folclorista para definirse como cantor popular, entendendo a súa música como un espazo no que convivían o rural e o urbano a través dunha poesía directa e accesible. As súas milongas, entre elas Milonga de ojos dorados, forman parte dun repertorio que segue vivo hoxe e que continúa sendo revisitado desde distintos contextos.

É nese punto onde se sitúa esta proposta e Rodrigo Ramos e Elena Zas trasladan a canción ao galego. A intervención céntrase na interpretación, na forma de dicila e de soster o texto a través das voces. A adaptación funciona así como un desprazamento: a mesma peza, contada e cantada dende outro lugar.

Rodrigo Ramos desenvolveu a súa traxectoria movéndose entre o folk, o pop e o rock, cunha forma de compoñer guiada polas letras e polo seu peso dentro da canción. Dende o seu debut con Mirabas almas (2017), ao que seguiu Sol de invierno (2019) —ben recibido pola crítica— e máis recentemente Claustrofobia (2023), foi construíndo un percorrido sólido tanto en estudo como en directo, con máis de cincuenta concertos por todo o Estado.

Pola súa parte, Elena Zas comeza a consolidar o seu proxecto musical cunha proposta centrada na interpretación e na escritura. Tras os sinxelos El espacio e Bandera roja (2024), en 2025 publica o seu primeiro EP, Caída libre, no que desenvolve un universo próximo ao pop alternativo, marcado por unha voz delicada e unha aproximación directa ás emocións.

A canción xa está dispoñble e acompañada dun videoclip que reforza o seu carácter íntimo. Ademais, poderá escoitarse en directo no concerto que Rodrigo Ramos ofrecerá o vindeiro 22 de maio ás 21:00 horas no Modus Vivendi (Santiago de Compostela). Entradas á venda en ticketandroll.com

Comparte éste artículo
No hay comentarios