Veciños e veciñas do Concello de Vedra denuncian a situación insostible da atención sanitaria no municipio e reclaman medidas urxentes á Xunta de Galicia, responsable da xestión do sistema público de saúde.
A veciñanza sinala a política sanitaria do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) como causa dun deterioro progresivo que leva anos agravándose.
Entre os principais problemas destacan as esperas de máis de dez días para obter cita co médico de cabeceira, a supresión das urxencias presenciais en fin de semana e a redución da continuidade asistencial en pediatría.
Un non escolle cando enfermar, e ten que ter asistencia cando o precisa. Denuncian que a situación actual supón unha perda clara de accesibilidade á atención sanitaria básica.
A veciñanza alerta tamén do estado do centro de saúde, que describen como deficiente e con importantes carencias de mantemento, nun contexto de abandono progresivo das infraestruturas sanitarias do municipio.
Ás dificultades asistenciais súmase unha grave falta de persoal sanitario. Os médicos soportan unha carga de traballo moi elevada, agravada pola non cobertura de baixas e vacacións, o que repercute directamente na calidade da atención e nos tempos de espera.
Denuncian un desmantelamento progresivo da atención primaria, que afecta especialmente ás persoas maiores e a aquelas con menos recursos económicos, que dependen exclusivamente do sistema público.
Os veciños e veciñas advirten de que esta situación compromete a continuidade da vida no rural e dificulta a fixación de poboación. Sen unha sanidade pública digna e accesible non hai futuro para concellos como Vedra.
Por todo isto, esixen o reforzo inmediato da atención primaria, a cobertura estable das prazas médicas e pediátricas, a recuperación das urxencias en fin de semana e a mellora urxente das instalacións sanitarias.