As logopedistas inciden na importancia da atención temperá dos problemas na linguaxe, que xorden na infancia e poden chegar ata a adolescencia

Xa falará! Este sinal de conformismo paterno é o primeiro paso cara a frustración do neno ou da nena. Cando non conseguen usar a linguaxe de xeito efectivo, empezan a comunicarse a través de choros e berros. E aí aparecen as dificultades.

A atención temperá é o eixo no que este ano se centran as accións organizadas polo Colexio Profesional de Logopedistas de Galicia (CPLGA) polo Día Europeo da Logopedia, que se celebra o vindeiro xoves, seis de marzo. As logopedistas son peza esencial nos equipos de Atención Temperá que atenden os nenos con dificultades na comunicación ou na deglutición durante a primeira etapa da súa vida.

Diana Gándara, presidenta do CPLGA, sinala que “a maioría das dificultades na comunicación e na linguaxe ocorren na primeira infancia, pero as consecuencias negativas inflúen no desenvolvemento integral da persoa. A atención temperá e a detección precoz son fundamentais para evitar ou minimizar as dificultades nas relacións sociais e familiares, que adoitan arrastrarse ata a adolescencia se non se tratan por unha logopedista”.

O desenvolvemento da linguaxe é un proceso complexo e á vez fascinante. E hai que estar pendentes dalgúns síntomas que, se aparecen, se deben consultar coas logopedistas.  Iria Varela, vogal do Colexio, enumera algúns: “Ausencia de sorriso social, contacto visual e reacción aos sons e ás voces; non emitir sons nin balbucidos; non realizar imitacións nin responder a chamada do seu nome, non sinalar nin pedir. O neno parece non comprender as ordes máis sinxelas, o seu vocabulario expresivo é moi limitado e non constrúe frases nin avanza na adquisición da linguaxe”. 

1 de cada 10 cativos ou cativas menores de seis anos presenta algún destes problemas. Moitos deses rapaces con dificultades, máis do 75 %, serán falantes tardíos. “Considérase falante tardío aquela persoa que presenta un retraso na aparición da linguaxe temperá que non sexa explicado por déficits cognitivos, motores, xenéticos ou neurolóxicos”, apunta Diana Gándara. 

“Entre os 12 e os 24 meses, a persoa debería producir as primeiras palabras con significado (papá e mamá) e emitir palabras e sons con intención comunicativa. Con ano e medio o normal é que elabore frases cada vez máis longas”, explica a profesional. “Hai dous indicadores que delatan os falantes tardíos: que aos 24 meses presenten menos de 50 palabras expresivas no seu repertorio e que non realicen combinacións de dúas ou máis palabras”, engade Gándara.

As logopedistas ocúpanse da prevención, asesoramento, valoración, terapia e seguimento dos trastornos que impiden ou dificultan unha comunicación e/ou una alimentación funcional e eficaz. Estas profesionais sanitarias atenden pacientes ao longo de todo o ciclo vital, dende nenos prematuros a anciáns.

Comparte éste artículo
No hay comentarios