“A provincia de Lugo segue completamente á marxe das grandes infraestruturas estratéxicas do Estado” á vista da resposta do Goberno de Pedro Sánchez a unha pregunta formulada na Cámara Alta polos senadores do PP lucense –José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano– sobre os investimentos ferroviarios vinculados ao Corredor Atlántico de mercancías que “confirma unha realidade preocupante”.
Segundo recoñece o propio Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, “a única actuación relacionada con Lugo é un estudo de viabilidade para mellorar a conexión ferroviaria entre Lugo e Santiago de Compostela, que ademais se atopa aínda en fase de redacción e sen concreción algunha en prazos ou execución”, advirten.
Os senadores do PP de Lugo denuncian, polo tanto, que “Lugo non conta con ningunha obra en marcha nin con proxectos construtivos definidos, senón unicamente cun estudo preliminar que, a día de hoxe, non garante absolutamente nada”.
Este feito contrasta de maneira evidente coa propia narrativa do Goberno, que presume de investimentos históricos superiores aos 3.123M€ no ano 2025 e dun compromiso de mobilizar ata 26.000M€ ata 2030 para o desenvolvemento do Corredor Atlántico. “Pero esa choiva de millóns pasa de longo por Lugo, que non aparece en ningunha das actuacións relevantes nin como nodo loxístico nin como territorio prioritario, mentres outras zonas do corredor concentran proxectos, obras e planificación real”.
Nese sentido, os populares advirten que “a exclusión de Lugo das redes de transporte ferroviario de mercadorías supón unha perda directa de competitividade, limita a capacidade de atraer investimentos industriais e condena ao tecido produtivo a depender de infraestruturas obsoletas e menos eficientes. Non estamos ante unha cuestión técnica nin puntual, senón ante unha decisión política que perpetúa o desequilibrio territorial e afonda nas desigualdades dentro de Galicia e do conxunto do Estado”.
PASAR DOS ESTUDOS AOS INVESTIMENTOS
Os senadores do PP reclaman “a inclusión efectiva de Lugo no Corredor Atlántico” e inciden en que “Lugo non pode seguir sendo a gran esquecida das infraestruturas ferroviarias”. Así, pois, urxen “pasar dos estudos aos investimentos”. Segundo os populares, “é necesario un cambio inmediato de rumbo que garanta a inclusión real de Lugo no Corredor Atlántico de mercadorías, con actuacións concretas, investimentos efectivos e unha planificación seria”.
“Lugo non precisa máis estudos nin promesas baleiras; senón compromisos firmes, prazos claros e obras en marcha. O contrario é seguir consolidando un modelo de infraestruturas que deixa atrás a unha provincia enteira e que resulta incompatible cunha política de cohesión territorial xusta e equilibrada”, conclúen.