O Compostela perde o liderado ante un bravísimo Somozas

O Compostela complicou as súas opcións de ascenso ao empatar no Candocia a un tanto. O conxunto de Secho Martínez enfrontábase a un Somozas limitado polas baixas, con dous suplentes debido ás sete baixas por lesión e as dúas por sanción. Os de Ferrolterra afrontaban o partido logo da desfeita que lles provocara González Rey na Estrada, nun partido que gañaban no 90 e acabaron perdendo. Como hau unha semana, e cando perdían por 0-1, foron castigados con outro penalti inexistente que errou Cañi. Pouco antes, Antón anotara o tanto compostelanista. Na parte final, tamén de penalti, Cambón fixo xustiza nun partido no que os de Santiago xogábanse máis, pero non mostraron a condición de líder, que perderon en beneficio do Arosa.

O Somozas gaña a batalla do ritmo

O Compostela non pareceu saír demasiado presionado polo triunfo matinal do Arosa, que os condicionaba a gañar para non perder o liderado e depender dos de Vilagarcía nas dúas últimas xornadas.
O cadro de Secho Martínez quixo ter a pelota, pero a boa ocupación do espazo do Somozas impediu que crearan ocasións de gol alén de centros sen remate, a pelexa ás veces solitaria de Carlos contra Manu e Dopico e os movementos desde atrás de Antón, que non chegou a atopar o sitio.
A outra opción, a da banda, tamén quedou diminuída polo traballo de Iñaki Leonardo e, sobre todo, de Cabarcos, que limitaron a calidade de Adrián e con moitos menos recursos as subidas de Diego Rodríguez.
O Somozas, tentando estirar a posesión, buscando case sempre balóns profundos para as saídas e Cambón e Jose, e sen présa, foi quen de axeitar o ritmo de partido ás súas necesidades, tendo en conta que os unionistas só tiñan dous suplentes no banco.
Incluso puideron achegarse á área de Álex Cobo, pero nunca foron quen de precisar a potencia dos centros para conseguir un remate,

Dous penaltis deciden a sorte

O Compostela saíu con máis profundidade tras o descanso. Unha ruptura de Carlos polo carreiro do 10 facilitou a chegada do aresán á área, onde cedeu a Diego Rodríguez, quen o dobraba pola súa dereita, para que o lateral xutara fronte á saída de Iago Domínguez, pero o meta rexeitou a pelota coa perna.
Máis espectacular foi a acción do meta no minuto 59, moito máis desprotexido no man a man ante Antón, pero tapou co corpo e salvou o gol.
O Compostela comezou a apertar con intensidade e volveu achegarse ao gol a continuación, nun centro xute de Cañi que salvou cunha cabezada Dopico perto da escuadra. Cañi correu á dereita para lanzar de esquina e Antón, de cabeza, inaugurou o marcador no minuto 61.
No minuto 63, unha entrada de Carlos na área foi tapada por Iago Domínguez, o aresán tirouse ao chan e o árbitro picou sinalando penalti. O noveno a prol dos capitalinos no que vai de torneo. Cañi executou arriba e polo centro, pero o meta aguantou a posición e desviou o lanzamento por riba do traveseiro.
Pouco despois, o técnico da SD fixo unha tripla substitución, pero o equipo non foi capa de facerse co control do xogo. Maceira, o goleador, viuse forzado en dúas accións que non conseguiu finalizar.
O Somozas non se agochou e procurou o empate como no minuto 78, cun tiro de Asier que chapou Álex Cobo.
A ocasión máis propicia apareceu no minuto 81, nun saque de esquina no que logo do remate de Dopico Uzal tocou o coiro coa man. Cambón non perdoou e anotou o empate cun puntapé potente e polo centro.
O Somozas defendeu ben os últimos minutos nos que o Compostela atacou sen atopar ocasións para desfacer o empate e non perder o liderado.
A afección compostelanista despediu a Secho Martínez con protestos, berrando o clásico “fóra, fóra”.

Ficha

DOMINGO 26/04/2026 (17,00) Campo: ALCALDE MANUEL CANDOCIA (600)
U.D. SOMOZAS : 1 – S.D. COMPOSTELA : 1 (0‑0)

SOM : Iago Domínguez; Asier, Dopico, Manu, Cabarcos; Lucas Fanego, Óscar Varela, Cambón, Bruno, Iñaki Leonardo; Jose (Pablo Ramos 62’). Tre. Stili. (Banco: Adri (g)).
COM : Álex Cobo; Diego Rodríguez, Uzal, Crespo, Damián (Aarón Martínez 86’); Adrián, Unai (Parapar 86’), Antón, Samuel (Goris 73’), Cañi (Rosón 73’); Carlos (Maceira 73’). Tre. Secho Martínez. (Banco; Graumann (g); Valín; Kiko; Lucas).
Goles: 0-1 Antón 61’; 1-1 Cambón 81’(p).
Árbitro: Castro Gómez (Galiza-Lugo). Auxiliares: Pin Calvín e Castro Rico.
Disciplina: CA: Cambón 51’; Samuel 55’; Iago Domínguez 64’ ; Antón 82/ Secho Martínez (tre. COM) 55’.
NOTAS: 64’ Iago Domínguez desvía un penalti lanzado por Cañi.

Foto: Cambón na loita cun rival. © 21noticias.com

Comparte éste artículo
No hay comentarios