Antonio Ameijide insta a PSOE e BNG a cumprir as súas competencias en emerxencias, extremo que levan anos negando, pero “agora non teñen escapatoria” toda vez que o xulgado lles recordou a lei, que as Deputacións Provinciais deben garantir a prestación do servizo en Concellos de menos de 20.000 habitantes.
Os deputados do Grupo Provincial Popular defenderán no pleno de mañá varias iniciativas encamiñadas a dotar de máis servizos aos lucenses, principalmente servizos de emerxencias e en materia de atención a maiores.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, destaca que “para mellorar a seguridade en toda a provincia” defenderemos que o PSOE e o BNG “cumprancoas súas competencias en materia de emerxencias” tal e como recolle a lei e como esixe unha sentenza xudicial recente que avala a non continuidade do convenio para o funcionamento do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Cervo se a Deputación de Lugo non aportaba máis persoal para o seu funcionamento ao entender que a institución provincial é a que ten a competencia.
“Por este motivo, defendemos que a Deputación de Lugo debe de impulsar arecuperación dos GES nas zonas que non dispoñen de cobertura e reforzar opersoal e mellorar as instalacións e medios dos parques comarcais do ConsorcioProvincial de Lugo para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento”, explicou.
A lei é clara e o xulgado así o recorda a PSOE e BNG: as Deputacións Provinciais deben garantir a prestación do servizo en Concellos de menos de 20.000 habitantes.
Ademais, os deputados populares recollerán outra sentenza xudicial en contra da Deputación de Lugo que esixe a PSOE e BNG a apertura inmediata da residencia comarcal de Becerreá para así dar cumprimento ao convenio asinado con todos os veciños deste municipio.
Antonio Ameijide explica que se defenderán tres medidas fundamentais para a apertura inmediata da residencia. “Acatar a sentenza e cumprir de inmediato as obrigas recollidas no convenio de colaboración e na súa addenda, garantindo a apertura efectiva do centro. Tamén, que a Deputación non presente recurso contra a resolución xudicial para evitar seguir atrasando un servizo esencial e impedir un posible incremento do gasto público en custas xudiciais. E, por último, cumprir cosconvenios asinados con outros Concellos coma Folgoso do Courel ou Portomarín, entre outros, para evitar novos incumprimentos e posibles condenas xudiciais”, afirmou.
ROGOS E PREGUNTAS
Os deputados populares preguntarán ao goberno provincial en que punto se desenvolvemento se atopa o programa Geopadrón, que, segundo a documentación a que tivemos acceso, a data de implantación límite rematou o 31 de marzo, ademais de preguntar se a Deputación é a titular de todos os terreos necesarios para poder acometer a unión do polígono de Cuiña, en Cervo, coa N-642, un proxecto iniciado no ano 2002.
Tamén se presentarán dous rogos. No primeiro se pedirá que a Deputación de Lugo se anticipe á chegada do verán e comece a planificar de inmediato os desbroces das estradas provinciais para que non pase como en veráns anteriores que no mes de outubro aínda había municipios nos que non se realizara ningunha labor de desbroce. Ademais, tamén se pedirá unha intervención no quiosco O Mirador, no campus lucense, garantindo a seguridade, recuperando a infraestrutura e poñelo en valor.