O PSOE de Lugo a través da súa voceira adxunta, Ana González Abelleira, denunciou hoxe a política económica do Goberno liderado por Elena Candia, ao que acusa de modificar de xeito reiterado as prioridades orzamentarias para financiar actuacións de impacto inmediato que buscan un rendemento electoral e a súa propia promoción persoal, en detrimento de investimentos fundamentais para a cidade.
González Abelleira puxo como exemplo a proposta de transferencia de crédito TC 36/2026, que prevé retirar 1.892.007,37 euros de nove proxectos municipais para financiar a primeira fase do Centro Deportivo Municipal de San Fiz «á présa e cunha falta alarmante de planificación».
«O que cuestionamos non é que Lugo necesite unha cidade do deporte. Defendemos ese proxecto ideado polo noso concello e queremos que se desenvolva con todas as garantías, incluído o pavillón previsto. O que non aceptamos é que Candia pretenda financialo retirando recursos a outros nove proxectos que responden a necesidades reais da veciñanza», afirmou a portavoz adxunta.Nove proxectos nesgados nos barrios e na mobilidade
A modificación orzamentaria promovida pola alcaldesa o pasado 16 de outubro contempla reducir ou eliminar a dotación financeira de actuacións clave na cidade:
- O Ceao e A Coruña: Recórtanse fondos do novo aparcadoiro do Ceao (financiado con recursos de Novo Norte destinados ao gran bulevar da avenida da Coruña).
- Mobilidade e estradas: Detraeranse 200.000 euros da glorieta da avenida de Magoi e da avenida de Breogán.
- Humanizacións e espazos públicos: Afecta á humanización das rúas Río Eo e Otero Pedrayo, á renovación da rúa Lavandeira (220.000 euros) e á mellora das naves municipais no parque da Milagrosa (640.000 euros).
- Parques e medio ambiente: Redúcense 298.497,88 euros destinados ao coidado de zonas verdes e parques, ademais de afectar a partidas de recollida de residuos, deportes e arranxos nas sedes veciñais e asociativas.
«Falamos de actuacións que afectan directamente á mobilidade, á conservación dos espazos públicos e á calidade ambiental. Candia ten que explicar por que as súas prioridades políticas deben prevalecer sobre estas necesidades e por que os veciños teñen que pagar o custo das súas decisións», remarcou González Abelleira.
A voceira adxunta relacionou esta transferencia coa xestión xeral dos aforros municipais. Segundo os datos do Grupo Socialista, o Goberno local mobilizou máis de tres millóns de euros de remanentes e contempla destinar uns 200.000 euros a eventos promocionais.
O expediente de modificación orzamentaria inclúe un informe da Intervención municipal emitido o 16 de outubro de carácter favorable, pero con observacións. Por iso, o PSOE esixe que se faga público o contido destas advertencias técnicas e se aclare a repercursión que terá esta operación na execución dos proxectos sacrificados e nos orzamentos dos vindeiros exercicios.
Desde o PSOE reiteran que Lugo non ten por que elixir entre o desenvolvemento do complexo deportivo de San Fiz e a atención aos seus barrios.
«O problema non é só como se gasta o diñeiro público, senón que prioridades se están sacrificando e que futuro se está comprometendo. Gobernar non é utilizar os recursos municipais para construír unha imaxe política, senón administralos con responsabilidade e construír unha cidade que avance de maneira equilibrada», concluíu González Abelleira.