A primeira quenda terá lugar os días 22, 23, 25 e 26 de xuño, e a segunda, do 29 de xuño ao 3 de xullo.
O Campus Industrial de Ferrol acolle, entre os meses de xuño e xullo, o Campamento Tecnolóxico de Verán “Aventura STEM: Viaxe no Tempo”, dirixido á rapazada de entre 6 e 16 anos que organiza, por terceira vez, Play CodeAcademy en colaboración co Campus Industrial da Universidade da Coruña (UDC). Grazas a esta iniciativa, os mozos e mozas viaxarán no tempo e, botando man da tecnoloxía actual, axudaranlle á humanidade a resolver diferentes retos ao longo da historia.
Aprenderán a programar drons para mapear xacementos arqueolóxicos, construirán robots pintores para axudarlle a artistas moi coñecidos e coñecidas nos nosos días e desenvolverán sistemas de alerta para protexer os nosos refuxios prehistóricos. A rapazada participante reforzará as súas habilidades en programación, robótica e ciencia traballando con ferramentas como a robótica con LEGO, Arduino, drons, Micro:Bit; Edison, Delightex ou mesmo co deseño ea impresión 3D.
Os obradoiros desenvolveranse en dúas quendas, a primeira, os días 22, 23, 25 e 26 de xuño, e a segunda, do 29 de xuño ao 3 de xullo, en horario de 09:00horas a 14:00 horas. Existe a posibilidade de participar na modalidade “Madrugadores e Madrugadoras”, de 08:00 horas a 09:00 horas, e de contratar un servizo de almorzo e/ou comedor.
A tarifa xeral é de 135 euros. O prezo para as persoas integrantes da comunidade universitaria ascende aos 115 euros. Play Code Academy ofrece descontos para o segundo ou terceiro neno ou nena pertencente á mesma unidade familiar. As prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
Máis información enviando un correo electrónico a info@playcodeacademy.comou ben chamando ao 633 232 386.
Inscricións en https://playcodeacademy.com/campus-tecnologico-udc-ferrol/