A política de vivenda do Goberno de Alfonso Rueda, definida na reactivación e xeralización dos Proxectos de Interese Autonómico (PIA), sitúanos diante dunha perversa distorsión do Dereito Administrativo e do propio Estatuto de Autonomía. Baixo dunha retórica supostamente social de urxencia residencial, o Executivo galego artellou un mecanismo de intervención que, lonxe de consolidar un parque público e estrutural de vivenda, opera como un canalizador de recursos comúns e patrimonio particular cara ás mans do negocio inmobiliario privado. Unha transferencia de rendas que desvirtúa o interese xeral que se di desenvolver.
O primeiro vicio dos PIA radica na subordinación unilateral do urbanismo municipal. A lexislación de vivenda galega confírelle á Xunta a potestade de decretar o «interese autonómico» sobre bolsas de solo estratéxicas, o que na práctica supón pasar por riba dos Plans Xerais de Ordenamento Municipal (PXOM). Esta pinza centralizadora non só lesiona a autonomía local, senón que desequilibra o crecemento das nosas vilas e cidades. Ao lles impor macro-urbanizacións sen o concurso nin o deseño dos concellos, créanse illas residenciais desconectadas, orfas da acaída previsión en dotacións públicas esenciais, como colexios, centros de saúde ou redes de transporte. O urbanismo deixa de ser unha ferramenta de cohesión social para se converter nunha mera xestión privatizada de construción de metros cadrados de edificios.
Máis grave aínda é a creba dos dereitos patrimoniais da cidadanía a través do abuso da expropiación forzosa. O solo destes P.I.A. adquirirase nomeadamente a medio da expropiación a pequenos propietarios particulares, fixando unilateralmente xustos prezos moi baixos, de solo rústico ou fóra de ordenamento, sen avaliar o futuro uso de vivenda para o que se destinan (compre agardarmos que o Xurado de Expropiación de Galicia primeiro e, despois, o Tribunal Superior de Xustiza-TSXG- reparen no futuro estas inxustizas). Mais o paradoxo chega cando ese solo, obtido mediante o exercicio da coacción pública en nome do «ben común«, é cedido a promotores privados para que edifiquen e obteñan un lucro empresarial subvencionado coa súa venda. Expropíanse vivendas habituais e térreos de persoas traballadoras e pequenas aforradoras para que faga negocio a grande promotora, que, asemade, poderá destinar estes solos nun 20-25% de media á vivenda de venda libre.
Nas principais seis cidades galegas estanse a desenvolver varios destes P.I.A. alicerzándose nestes mesmos parâmetros. Na Coruña Monte Mero e Pedro Fernández, en Vigo o Ofimàtico, Ramón Nieto e a ampliación de San Paio de Navia, en Compostela Mallou, en Pontevedra San Mauro, en Ourense Escorial-O Vinteún e en Lugo o Barrio do Sagrado Corazón. Velaí a recente fundación da Plataforma “PÍA non”, que integra persoas expropriadas de toda Galicia, condenados pola Xunta a perder os seu fogares a baixo prezo.
A presente estratexia da Xunta consagra o modelo da «vivenda de protección» en propiedade que historicamente fracasou en Galicia. Durante décadas, os esforzos investidores do erario público galego evaporáronse: as Vivendas de Protección Autonómica (VPA), transcorridos os prazos de cualificación, mudaban en vivendas libres, cando non se vendían coa súa cualificación “protexida” con fortes sobre-prezos en diñeiro negro. Milleiros de vivendas financiadas con recursos públicos remataron no mercado especulativo, incrementando patrimonios privados. A protección permanente que agora se gaba de incluír a Xunta para a vivenda de protección autonómica non resolve a raíz do problema se o solo segue a se privatizar. Unha vez que o ben se vende, sae do control real do común.
Fronte ao modelo de privatización de solo, a realidade galega esixe atender o paradoxo da convivencia de prezos moi altos de aluguer con stocks de inmobles baleiros. O SAREB público mantén 1.763 vivendas baleiras no país e os bancos amorean outras 4.000 vivendas baleiras fóra do mercado. Velaí un comezo potente para un patrimonio público de solo.
Urxe, pois, unha fonda reforma da Lei de Vivenda de Galicia centrada na mobilización obrigatoria destes inmobles para o aluguer público e no apoio aos pequenos aforradores desde o IGVS e os concellos para xerar un patrimonio consorciado de aluguer, trocando axudas e seguros contra a falla de pagamento por rendas asequíbeis e estábeis.