O PSdeG de Baleira participou este sábado na festa de presentación da Asociación de Mulleres Rurais Costureiras Terras do Eo, celebrada na Casa Fonteo, nun encontro aberto á veciñanza para compartir o inicio desta nova etapa asociativa.
Asistiron ao acto o voceiro socialista no Concello de Baleira, José Tellado; o alcalde de Ribeira de Piquín e membro da dirección provincial do PSdeG de Lugo, Roberto Fernández Rico; e a presidenta de Fademur Galicia, Verónica Marcos, quen trasladaron o apoio a unha iniciativa impulsada por mulleres rurais e orientada a dinamizar a vida social, cultural e comunitaria do municipio.
Dende o PSdeG de Baleira puxeron en valor o labor das mulleres emprendedoras que promoven esta asociación, así como a importancia de recuperar espazos de encontro e convivencia no rural.
A Asociación de Mulleres Rurais Costureiras Terras do Eo desenvolverá exposicións monográficas, obradoiros de distintas disciplinas e actividades dirixidas ao conxunto da veciñanza. Entre as propostas previstas figuran clases de danza, defensa persoal, pintura en acuarela e lenzo, así como outras iniciativas vinculadas á creatividade, á formación e á convivencia.
O PSdeG de Baleira felicitou á nova asociación polo seu nacemento e comprometeu o seu apoio a proxectos que contribúan a fortalecer o tecido social, poñer en valor o papel das mulleres rurais e xerar actividade nos núcleos do municipio.