Soño de ascenso na casa: O Balonmán Caniza Feminino prepárase para facer historia

O club canicense acollerá do 8 ao 10 de maio a fase de ascenso cara á División de Honra Ouro, un evento organizado polo Balonmán Caniza e supervisado pola Federación Española de Balonmán.

A cita reunirá catro equipos, que competirán en formato de liguiña para lograr o ascenso. O equipo anfitrión enfrontarase ao Balonmano Marni de Valencia (8 de maio ás 21.00 h), ao Helvetia Montequinto de Sevilla (9 de maio ás 20.00 h) e ao Lauko Ermuko Errotabarri (10 de maio ás 12.30 h).

Esta fase de ascenso concentrará nun único fin de semana tres xornadas consecutivas, polo que requirirá unha gran capacidade física e mental por parte das xogadoras.

O BM Caniza chega á fase de ascenso tras unha tempada sólida. O equipo rematou a liga regular como segundo clasificado, con 44 puntos, despois de conseguir 21 vitorias en 26 partidos. A súa regularidade e o bo momento competitivo alimentan a ilusión coa que afronta a cita máis importante da tempada.

O Polvorín (pavillón do BM Caniza) será o escenario deste evento. Prevese que a afección local teña un papel protagonista, creando un ambiente cheo de ilusión por ver ao seu equipo loitar polo salto á División de Honra Ouro.

O adestrador do BM Caniza, Ismael Lago, dixo que o equipo chega “con moita ilusión tras unha tempada moi positiva, sempre na parte alta da táboa e enganchadas á loita pola fase de ascenso”. Recoñeceu que os rivais son “moi potentes”, pero insistiu en que o equipo debe manter a ilusión de poder conseguir o ascenso. En relación á igualdade da eliminatoria, remarcou que “o nivel será altísimo”, xa que o feito de clasificarse como segundos implicaba ter que enfrontarse contra dous primeiros e un segundo. Mencionou que a clave do ascenso debería estar no “factor cancha”, confiando en que a afección leve ao equipo “en volandas, intensa e mobilizada durante toda a semana”. Engadiu que o traballo xa está feito, polo que toca “transformar os nervios en ilusión”, lembrando que o formato da cita é moi esixente. “A estas alturas hai que xogar con carácter emocional e paixón”, concluíu.

A xogadora canicense, Paula Pereira, di que están vivindo esta oportunidade con “moita ilusión”, o vestiario está moi unido e con ganas de facelo o mellor posible. A clave que pode decidir o ascenso está “nos pequenos detalles: intensidade defensiva, evitar perdas de balón e manter a concentración durante os 60 minutos”. Tamén destacou que “a nosa afección vainos dar ese extra de enerxía”. Sobre o bo momento físico do equipo, atribuíuno ao “traballo constante da tempada, á boa planificación do corpo técnico e ao compromiso do grupo”.

O presidente, Marcos Estévez, cualificou como “unha alegría moi grande” o feito de ser anfitrións da fase, agradecendo o apoio do Concello da Caniza, Deputación, Xunta de Galicia, Turismo e Deportes e a Federación Galega de Balonmán. Destacou que sería “un

feito histórico” ascender á segunda categoría nacional sendo un pobo tan pequeno. Pediu á afección que apoie ao equipo e asegurou que “non os imos defraudar”, desexando que a fase sexa “unha festa para toda a vila”. Tamén puxo en valor o grupo formado e agradeceu o apoio de patrocinadores e colaboradores, desexando que o 10 de maio “A Caniza sexa unha festa”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios