O PP acusa á Deputación de levar as máquinas fóra de Lugo como “castigo” á veciñanza

O Grupo Provincial Popular condena que “o goberno provincial de PSOE e BNG xa tome represalias contra os veciños e veciñas do municipio de Lugo” á vista de que “retiran as máquinas do parque móbil provincial das vías do municipio”.

O portavoz, Antonio Ameijide, explica que “nas últimas semanas había dous equipos do parque móbil provincial nas estradas municipais de Lugo, un de rego e outro de limpeza de cunetas; pero, a día de hoxe, un está en Monforte de Lemos e outro de volta nas instalacións do parque móbil da Deputación de Lugo”.

O popular advirte desta “casual” decisión por parte da presidenta da Deputación e do goberno de PSOE e BNG coa que “a presidenta da Deputación demostra unha total deslealdade cos lucenses e acredita de novo que segue aplicando o sectarismo como única guía e referente do goberno provincial”.

Así mesmo cre que “evidencia que dan por perdido o goberno en Lugo” e “demostra que o único que lle preocupa ao alcalde é o seu ego e non prestar servizo aos veciños e veciñas de Lugo” porque, “á primeira de cambio, permite que o goberno provincial do que forma parte deixe de mellorar as estradas do municipio”.

Ameijide subliña que “esta é tamén unha proba máis de quen segue ao fronte da Deputación de Lugo dende a sombra, José Tomé, que é o principal beneficiario deste cambio de opinión” toda vez que “os equipos do parque móbil da Deputación de Lugo seguirán, como estiveron moito tempo, intervindo no municipio onde Tomé continúa sendo alcalde, co apoio do PSOE, a pesar de ser investigado pola Fiscalía por un presunto caso de acoso sexual”.

O portavoz popular asegura que “PSOE e BNG fixeron crer que o goberno provincial cambiara, pero en realidade todo segue igual no goberno da Deputación de Lugo” que “favorece aos concellos gobernados polos seus afíns e discriminando a máis da metade da provincia”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios