O prazo de solicitude estará aberto ata o 1 de xuño, e deberán tramitala todas as persoas interesadas, incluídas as que xa forman parte deses programas.
O Concello abre desde hoxe e ata o 1 de xuño o prazo para solicitar a redución do 10 % na taxa pola recollida de lixo, unha iniciativa dirixida ás vivendas particulares, sexan de núcleos urbanos ou rurais, que participen ou mostren a súa intención de facelo nos programas municipais de redución de residuos.
Esta medida deriva da recente adaptación da ordenanza fiscal 3.4 á Lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular, normativa de ámbito estatal que obriga a que as taxas cubran o custo real do servizo. A actualización das tarifas aplicada polo Concello por imperativo legal vén acompañada, non obstante, de medidas de carácter social e ambiental que permiten reducir o importe do recibo mediante a implicación activa da veciñanza na correcta xestión dos residuos.
En concreto, a bonificación do 10 % está vinculada á participación nos programas municipais Ti tes a chave, que fomenta o uso do contedor marrón para a recollida de materia orgánica nos núcleos urbanos e na urbanización Monte Claro de Cabovilaño, ou no de compostaxe doméstica, destinado ás vivendas do rural que xestionan directamente os seus residuos orgánicos a través de composteiros.
Para beneficiarse desta redución será imprescindible presentar unha solicitude por vía telemática -na Oficina Virtual Tributaria ou na Sede Electrónica- ou de maneira presencial no rexistro municipal -tanto no Edificio Administrativo da Laracha como no viveiro de empresas do polígono industrial-. Este trámite deberán completalo todas as persoas interesadas, incluídas aquelas que xa participan actualmente nalgún dos programas. O modelo de solicitude tamén está dispoñible na web municipal, alaracha.gal.
A redución aplicarase integramente no recibo correspondente ao segundo semestre de 2026 e manterase vixente tamén durante o ano 2027.
Ademais, a nova ordenanza municipal tamén contempla bonificacións na cota para familias numerosas de categoría xeral (20 %) e de categoría especial (40 %) que tamén poden solicitarse cubrendo a mesmo solicitude.