ADEGA (https://www.adega.gal/) organiza, en colaboración coa Asociación de Montes Veciñais da Parroquia de Celas e o colectivo As Pedras Galladas(https://www.pedrasgalladas.gal/), unha andaina reivindicativa polo Monte Xalo o vindeiro domingo 10 de maio, unha xornada aberta á participación da veciñanza para coñecer sobre o terreo os valores naturais, sociais e culturais deste espazo.
A actividade dá continuidade ao debate aberto na mesa redonda “O Monte Xalo: Olimpo Ártabro. A auga, a paisaxe e o patrimonio que nos sostén” (https://www.pedrasgalladas.gal/blog.html#mesaredondamarzo26), celebrada o pasado 4 de marzo na Coruña, na que se falou do valor e da importancia ambiental e social deste monte, así como a preocupación ante proxectos que poderían afectar ao territorio.
Entre eles destaca o proxecto dunha central hidroeléctrica reversible en Meirama, que implicaría o movemento de grandes volumes de auga cara ao sistema fluvial conectado co encoro de Abegondo-Cecebre, principal fonte de abastecemento de auga potábel para a cidade da Coruña e a súa área metropolitana.
A andaina comezará ás 11:00 horas na Pedra Mazafacha e consistirá nun percorrido de dificultade baixa (11 km e aproximadamente 4 horas). Durante o traxecto, as persoas participantes poderán coñecer sobre o terreo os valores ecolóxicos, paisaxísticos e patrimoniais do Monte Xalo, así como a zona afectada polo proxecto.
A xornada inclúe unha parada para o xantar nas Torres de Celas e rematará cun acto informativo na reitoral de Celas, no que colectivos veciñais e representantes dos montes veciñais en man común explicarán os detalles do proxecto e os seus posibles impactos sobre o territorio, a auga e as comunidades locais.
Para facilitar a participación, habilítase tamén un autobús desde Lugo. As persoas interesadas poden consultar toda a información e inscribirse a través do seguinte formulario:
https://forms.gle/npBhzS1Tf2YrzuhC7
Para apuntarse a actividade e máis información:
https://www.adega.gal/axenda.php?id=1416&sec=11
Desde as entidades organizadoras anímase á veciñanza a participar nesta xornada, que busca promover o coñecemento e a defensa dun espazo clave!