O BNG defende unha profunda reforma da PPC que teña en conta a situación do sector pesqueiro galego

Ana Miranda: “A nova Política Pesqueira Común ten que protexer a pesca artesanal e o marisqueo e contar con fondos suficientes.

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, subliñou hoxe na Comisión de Pesca da Eurocámara a necesidade de levar a cabo unha profunda reforma da Política Pesqueira Común que teña en conta da sector pesqueiro galego e que protexa a pesca artesanal e o marisqueo, posto que até agora “foi unha ruína para o sector pesqueiro”.

Na súa intervención, a eurodeputada galega defendeu que a PPC teña fondos suficientes e que non aconteza que non estea dotada con fondos que non serven nin para cumprir as mínimas obrigas legais. Segundo sinalou  Miranda, os fondos da PPC teñen que servir para que poida sobrevivir o sector pesqueiro e marisqueiro galego e non se siga producindo a destrución de emprego, xa que nos últimos dez anos, segundo a propia Comisión, a rendibilidade da pesca afundiuse do 8 % ao 1 %, e o emprego na pesca extractiva descendeu de 141.064 a 119.479 persoas en 10 anos, 21.500 profesionais do sector menos

Neste sentido, Ana Miranda considera que a recente avaliación intermedia da Política Pesqueira Común (PPC) realizada pola Comisión Europea é insuficiente e “é peor para o noso sector”. Esta revisión pretende medir o grao de cumprimento dos obxectivos fixados na reforma da PPC, especialmente no relativo á sustentabilidade ambiental, a rendibilidade económica e a cohesión social das comunidades costeiras, denominados os tres piares da sustentabilidade.

Diversidade da frota galega

Para a frota galega, caracterizada pola súa diversidade (artes menores, cerco, arrastre, palangre, entre outras), a aplicación homoxénea destes criterios non sempre reflicte a complexidade dos ecosistemas atlánticos nin das prácticas tradicionais. Por iso o BNG leva anos reclamando que os modelos científicos empregados incorporen adecuadamente as particularidades do sector pesqueiro e marisqueiro galego.

Precisamente en Galiza, moitas empresas e, sobre todo, a pesca artesanal seguen a enfrontar marxes reducidas, incremento de custos (combustible, mantemento, requisitos normativos) e dificultades para o relevo xeracional. A avaliación intermedia recoñece estes desafíos, pero as medidas propostas semellan insuficientes para garantir a viabilidade socioeconómica das comunidades costeiras galegas, que dependen non só da pesca extractiva, senón tamén das actividades asociadas como a transformación e a comercialización.

Por outro lado, a eurodeputada do BNG salienta que a Comisión de Pesca do Parlamento Europeo aprobou hoxe o informe sobre as estatísticas para a pesca e acuicultura, do que Ana Miranda é co-relatora polo grupo dos Verdes/ALE. Grazas a este regulamento, Eurostat recollerá e fará dispoñíbeis información máis ampla sobre as capturas: capturas de barcos da UE a nivel mundial, non só nas áreas principais da FAO, tamén as capturas da pesca recreativa e dos descartes e de especies sensíbeis. 

As emendas presentadas polo BNG teñen como obxectivo garantir que non aumenten as obrigas administrativas e burocráticas para pescadores e operadores; incluír variables socioecónomicas (idade, xénero, nivel de educación, salarios) e garantir os tres piares do desenvolvemento sostible: o ambiental, o social e o económico.

Comparte éste artículo
No hay comentarios