O PP reitera que un PAC para Foz prexudicaría aos veciños

Castiñeira subliña tamén que esta organización sanitaria beneficia especialmente aos pacientes máis vulnerables, ás persoas maiores e aos veciños das parroquias, evitando desprazamentos innecesarios e facilitando unha atención máis rápida nos casos graves.

O Partido Popular de Foz votará no pleno de hoxe en contra da proposta presentada pola esquerda para crear un PAC en Foz, ao considerar que o actual modelo sanitario ofrece “máis garantías, máis medios e unha mellor atención” aos veciños do municipio.

O portavoz popular, Javier Castiñeira, destaca que a atención urxente actual, co PAC situado en Burela xunto ao Hospital da Mariña e coa ambulancia medicalizada con base en Foz, permite aos veciños contar cunha cobertura sanitaria “máis completa e segura”.

Ademais, lembra que Foz conta con atención sanitaria no centro de saúde de luns a venres en horario de mañá e tarde, así como os sábados pola mañá, o que, segundo indica, garante unha ampla cobertura asistencial para os veciños.

“O modelo actual funciona e garante unha atención máis eficaz porque as urxencias están ao lado do hospital, con acceso inmediato a probas complementarias como radiografías ou laboratorio, ademais da posibilidade de ingreso directo no caso de ser necesario” explica o voceiro do PP.

Castiñeira subliña tamén que esta organización sanitaria beneficia especialmente aos pacientes máis vulnerables, ás persoas maiores e aos veciños das parroquias, evitando desprazamentos innecesarios e facilitando unha atención máis rápida nos casos graves.

Segundo indica, crear un PAC en Foz suporía “alonxar as urxencias do hospital” e obrigaría en moitos casos aos pacientes a acudir primeiro a Foz e posteriormente trasladarse ao Hospital da Mariña para realizar probas ou ingresar.

“Entendemos que o máis importante é garantir a seguridade dos pacientes e ofrecer a mellor asistencia posible, e iso conséguese co modelo actual”, afirma.

Por iso, o Partido Popular considera que a proposta da esquerda responde “máis a intereses políticos que sanitarios” e reitera que votará en contra no pleno de hoxe ao entender que o actual sistema “beneficia claramente aos veciños de Foz”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios