O PP de Foz propón crear unha mesa de expertos para asesorar o nomeamento das rúas do municipio

O portavoz popular, Javier Castiñeiora, explica que desde o PP consideran positivo que as propostas poidan xurdir da iniciativa veciñal, aínda que lembra que será finalmente a Corporación Municipal quen deba adoptar a decisión definitiva.

O Grupo Municipal do Partido Popular de Foz propón a creación dunha mesa de expertos que asesore aos grupos políticos no proceso de nomeamento das distintas rúas do municipio, co obxectivo de garantir “o máximo rigor, obxectividade e consenso” nun asunto que consideran de gran relevancia para a historia e a memoria colectiva de Foz.

O portavoz popular, Javier Castiñeira, explica que desde o PP consideran positivo que as propostas poidan xurdir da iniciativa veciñal, aínda que lembra que será finalmente a Corporación Municipal quen deba adoptar a decisión definitiva.

“Tan importante como homenaxear cunha rúa a unha persoa, un lugar ou un feito relevante para Foz é facelo dunha maneira rigorosa, acertada e pensando no interese xeral dos veciños”, sinala Castiñeira.

A proposta dos populares pasa pola creación dun órgano consultivo no que estean representados os distintos grupos políticos municipais e tamén persoas coñecedoras da historia local, coa participación destacada do cronista oficial de Foz, Xoán Ramón Fernández Pacios.

“O cronista oficial debe formar parte desta mesa polo respecto institucional que merece a súa figura e tamén polo importante coñecemento histórico que pode aportar a este proceso”, indica o portavoz popular, quen tamén aposta por incorporar “outras persoas que poidan contribuír con seriedade, documentación e rigorosidade”.

Neste sentido, o Partido Popular lembra que no último pleno municipal preguntou ao goberno local se xa existira contacto co cronista oficial. Segundo explica Castiñeira, o alcalde recoñeceu que aínda non se producira esa conversa, aínda que mostrou disposición a mantela.

Desde o PP consideran que a constitución desta mesa debería ser o primeiro paso antes de abordar calquera decisión definitiva sobre os novos nomes das rúas.

“Os grupos políticos municipais serán os que teñan que decidir finalmente, pero cremos fundamental que esa decisión estea avalada por informes e valoracións obxectivas elaboradas por persoas coñecedoras da historia e da realidade de Foz”, afirma.

“En Foz hai moitísima xente con enormes méritos e á que nunca estaremos suficientemente agradecidos. Precisamente por iso cremos que este proceso debe desenvolverse coa máxima responsabilidade e co maior consenso posible”, conclúe Castiñeira.

Comparte éste artículo
No hay comentarios