A Deputación de Pontevedra organiza cinco novas visitas guiadas ao convento de Santa Clara a partir deste domingo

A reactivación das visitas guiadas os domingos que van do 17 de maio ao 14 de xuño forma parte da programación do Museo de Pontevedra polo Día Internacional dos Museos.

A Deputación de Pontevedra organiza cinco novas visitas ao convento de Santa Clara, que terán lugar os domingos 17, 24 e 31 de maio e 7 e 14 de xuño. Serán ás 12:00 h e participarán 20 persoas en cada unha. Para asistir, é imprescindible inscribirse previamente a través da web do Museo de Pontevedra, museo.depo.gal. A reserva de prazas abre este xoves 14 ás 9:00 h e é gratuíta. 

As visitas, que forman parte da programación do Museo de Pontevedra polo Día Internacional dos Museos, que se celebra cada ano o 18 de maio, consistirán nunha aproximación á historia do convento mentres se percorre a igrexa, o coro baixo, a sancristía e parte da horta. Será un percorrido de aproximadamente 1 hora de duración, a cargo do equipo de Educación do Museo de Pontevedra. Na visita non se inclúen as dependencias conventuais, o xardín do claustro nin a parte da horta afectada polas catas arqueolóxicas.

Fundado a finais do século XIII, o convento de Santa Clara é un conxunto de edificacións e espazos exteriores que cobren unha área de máis de 12.000 m² no centro de Pontevedra. Foi fogar de monxas clarisas ata 2017. En 2021 adquiriuno o Concello, que en xaneiro de 2023 o cedeu á Deputación de Pontevedra, converténdose na sétima sede do Museo de Pontevedra.

Comparte éste artículo
No hay comentarios