Katy Varela censura que o alcalde cortase a intervención do concelleiro Iván Vázquez cando detallaba os 5.989,50 euros destinados á actuación musical da inauguración da fonte de 650.000 euros, e denuncia que ela mesma foi amoestada e ameazada cunha nova expulsión.
Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte reprochan ao alcalde, José Tomé, que volva recorrer ás súas tácticas de limitar a liberdade de expresión da oposición durante o desenvolvemento dos plenos municipais.
Na sesión celebrada onte, o alcalde cortou a intervención do concelleiro popular Iván Vázquez cando estaba a detallar o custo da actuación musical contratada para o acto de inauguración da nova fonte, unha obra valorada en 650.000€.
A voceira popular, Katy Varela, sinala que os feitos producíronse durante o debate sobre o canon da auga, no que o edil Iván Vázquez lle reprochaba ao goberno local a súa deficiente xestión en materia de tratamento e saneamento da auga.
O concelleiro popular criticou que o executivo municipal priorice actuacións como a construción dunha gran fonte ornamental mentres persisten problemas que afectan directamente aos veciños, como os relacionados coa xestión da auga.
Ademais do elevado investimento realizado na fonte, os concelleiros populares puxeron o foco nos gastos adicionais que supuxo a súa inauguración, que incluíu unha actuación musical e fogos artificiais.
En concreto, a xunta de goberno local do 27 de xullo aprobou un gasto de 5.989,50€ para unha actuación musical con motivo do acto inaugural.
Cando se estaban a detallar eses feitos, José Tomé interrompeu ao concelleiro popular, advertíndolle de que a cuestión non tiña relación co asunto que se estaba a debater e impedíndolle continuar coa súa exposición.
Unha decisión que provocou o malestar dos concelleiros populares, que volveron ser amoestada durante a sesión e ameazada cunha nova expulsión.
Katy Varela considera que este comportamento evidencia unha preocupante falta de respecto polo labor de fiscalización que lle corresponde á oposición e polo dereito dos representantes municipais a expoñer as súas críticas e argumentos diante da cidadanía.
A voceira popular subliña que o gasto da inauguración si tiña relación co debate, xa que a crítica se centraba na maneira en que o goberno local administra os recursos públicos. “Estamos a falar de como se empregan os cartos dos veciños. Se denunciamos que o alcalde destina centos de miles de euros a unha fonte e, ademais, case 6.000€ a unha actuación musical para a súa inauguración, é perfectamente lexítimo cuestionar esas prioridades cando existen necesidades máis urxentes que atender”, sinalou.
Neste sentido, Katy Varela lamentou que Tomé pretenda decidir que críticas pode formular a oposición e cales deben quedar fóra do debate, especialmente cando afectan directamente á xestión económica do Concello. “O alcalde non pode pretender que falemos unicamente do que lle interesa nin impedir que poñamos enriba da mesa gastos que consideramos innecesarios. A oposición está aquí para fiscalizar a acción do goberno, pedir explicacións e defender os intereses dos monfortinos”, afirmou.
Desde o Grupo Municipal Popular insisten en que a súa obriga é denunciar as prioridades que consideran equivocadas e reclamar unha xestión responsable dos recursos municipais. “Mentres se destinan importantes cantidades de diñeiro a actuacións ornamentais e actos de inauguración, hai cuestións fundamentais, como o tratamento e o saneamento da auga, que merecen toda a atención do goberno local”, sinalou.