O voceiro do PP de Cervantes, Óscar Fernández, sinala que “esta proposta é fundamental para mellorar a seguridade no municipio e nos da contorna, debido á súa orografía, dispersión poboacional e ás dificultades climatolóxicas que se producen especialmente durante o inverno”.
O Partido Popular trasladará á Deputación de Lugo e ao Concello de Cervantes a súa proposta para estudar e promover un Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) na zona da Montaña con sede no municipio.
Os deputados provinciais veñen de rexistrar a iniciativa, que se debaterá no vindeiro Pleno da Deputación, e coa que instan ao equipo de goberno a avaliar a idoneidade e, de ser o caso, promover, xunto coas administracións públicas correspondentes, as actuacións necesarias para facer posible a súa implantación. Do mesmo xeito, o PP de Cervantes solicitará a celebración dun pleno extraordinario no Concello para trasladar esta mesma proposta e reclamar o impulso desta medida en materia de emerxencias para “ofrecer unha primeira resposta rápida e eficaz, complementando o labor dos servizos de bombeiros e protección civil”.
O portavoz provincial, Antonio Ameijide, lembra que “na anterior sesión plenaria da Deputación Provincial logramos aprobar por unanimidade unha proposta para instar ao goberno de PSOE e BNG a adoptar, coa colaboración precisa doutras administracións, as medidas necesarias para impulsar a recuperación da prestación do servizo dos GES nas zonas da provincia que, na actualidade, non dispoñen de cobertura suficiente en materia de emerxencias. De feito, a efectiva prestación do servizo de emerxencias para todos os municipios da provincia de menos de 20.000 habitantes é unha competencia que a lei lles confire ás deputacións provinciais e que ratificou recentemente a Xustiza, como recolle unha recente sentenza do Tribunal de Instancia de Lugo en relación ao GES de Cervo.
Agora, os populares dan un novo paso propoñendo unha posible localización estratéxica na montaña lucense para ofrecer cobertura nunha das zonas de sombra.
“A comarca da Montaña ten unhas características moi particulares que fan imprescindible contar cun servizo de primeira intervención próximo e operativo”,explican os populares. Trátase dun territorio cunha orografía complicada, con grandes distancias entre núcleos de poboación, importantes dificultades de comunicación e frecuentes episodios de neve durante o inverno; circunstancias que poden aumentar considerablemente os tempos de resposta ante calquera incidencia. Ademais, apuntan que se trata dunha zona con gran riqueza natural e que, polo tanto, presenta certo risco de incendios debido á gran masa vexetal.
“Ter un GES na comarca permitiría ofrecer unha primeira resposta rápida e eficaz en casos de incendios urbanos ou forestais, accidentes de tráfico, rescates, riscos naturais ou apoio ao 112, complementando o traballo dos bombeiros e dos servizos de protección civil”, sinalan.
Pola súa banda, o voceiro do PP de Cervantes, Óscar Fernández, destaca que “esta proposta é fundamental para mellorar a seguridade no municipio e nos da contorna, debido á súa orografía, dispersión poboacional e ás dificultades climatolóxicas que se producen especialmente durante o inverno”.
Os populares apelan á colaboración entre administracións para avanzar nunha solución estable que permita reforzar este servizo co obxectivo de mellorar a seguridade dos veciños e veciñas da comarca.