Amizade atenderá a 110 persoas con discapacidade en Pontevedra grazas ao 0,7% do IRPF

A entidade destaca que marcar a X Solidaria na declaración da renda “tradúcese en oportunidades reais de inclusión e autonomía”

A Asociación Amizade está desenvolvendo ao longo deste ano o Programa de Atención Integral para Persoas con Discapacidade, unha iniciativa que permite mellorar a calidade de vida de arredor de 110 persoas da comarca de Pontevedra.

O proxecto está financiado a través do 0,7% do IRPF, grazas á cidadanía que marca a casa de “Actividades consideradas de interese social”, ao cofinanciamento da Xunta de Galicia e á xestión de COGAMI.

Coincidindo coa campaña da renda, a entidade quere poñer en valor o impacto directo deste xesto solidario. Desde a asociación fan un chamamento á cidadanía para seguir marcando a X Solidaria na declaración da renda. Marcar a X Solidaria non supón ningún custo adicional para as persoas contribuíntes, pero tradúcese en recursos reais que permiten desenvolver programas que melloran a vida das persoas con discapacidade e das súas familias.

O programa inclúe a coordinación de diferentes servizos centrados na promoción da autonomía persoal e na inclusión social, como información e asesoramento, actividades de lecer inclusivo e accións de sensibilización.

Grazas a estas actuacións, as persoas participantes poden reforzar a súa independencia, mellorar as súas habilidades sociais e participar activamente na comunidade, reducindo situacións de illamento e favorecendo a igualdade de oportunidades.

Amizade conta cunha traxectoria de máis de 35 anos traballando na defensa dos dereitos das persoas con discapacidade na comarca.

Comparte éste artículo
No hay comentarios