O portavoz municipal socialista, Miguel Fernández, denunciou hoxe que a nova organización municipal impulsada por Elena Candia evidencia unha estratexia clara para “amordazar á oposición” e consolidar un goberno sustentado no transfuguismo e nos intereses partidistas do Partido Popular.
Fernández asegurou que o pleno convocado para aprobar a nova estrutura organizativa do Concello representa “un dos episodios máis escuros da historia democrática recente de Lugo”, ao considerar que o procedemento empregado polo goberno local estivo marcado pola opacidade, a improvisación e a vulneración dos dereitos da oposición.
O portavoz socialista criticou especialmente o “proceso antidemocrático” empregado para convocar a sesión plenaria cheo de trampas e atallos. “Non queren un pleno democrático, queren unha imposición por decreto para esconder o pacto da infamia. Nin se quera permitiron debater a urxencia que a todas luces é indefendible polo xeito de proceder”, advertiu.
Nesta liña, Fernández denunciou tamén os medios “cercenados” á oposición, acusando ao novo executivo de limitar deliberadamente a capacidade de control e participación dos grupos municipais. Fernández considerou que a ausencia dunha Xunta de Voceiros e a precipitación coa que se impulsou esta reorganización evidencian “un ataque directo aos principios democráticos e aos dereitos dos representantes públicos. O que fixo Candia é dividir entre dous grupos os recursos dun: é inadmisible e evidencia o obxectivo final que é dificultar o noso traballo, algo que xa adianto que non vai a lograr”.
O portavoz socialista alertou ademais de que esta nova estrutura de goberno “non responde ás necesidades da cidade nin aos retos de Lugo”, senón exclusivamente aos intereses internos do Partido Popular e á supervivencia política de Elena Candia. “Estamos ante unha organización deseñada para manter un goberno ilexitimo a calquera prezo, non para mellorar a vida da veciñanza”, afirmou.
Miguel Fernández criticou igualmente a distribución das áreas de goberno, asegurando que evidencia “a falta de compromiso e de proxecto” do novo executivo municipal. “Pero hai algo cando menos igual de preocupante detrás desta desorganización municipal e do despotismo amosado nesta última semana. Porque máis alá da compra política dunha tránsfuga, o que realmente subxace aquí é unha enorme falta de compromiso coa cidade por parte do novo equipo de goberno: prácticamente a metade, dos concelleiros e concelleiras que teñen a responsabilidade de xestionar Lugo non teñen a valentía de afastar temporalmente os seus traballos ou os seus cometidos para centrarse plenamente na tarefa que teñen por diante”, indicou.
“E non o fan porque, no fondo, non cren no proxecto que pretende liderar Elena Candia durante o próximos 12 mese. Candia o sabe, e por iso intenta vender esta vergoña ante a opinión pública como unha redución do gasto político, pero o que realmente representa é unha redución do compromiso coa cidade”, concluiu Fernández.
O portavoz municipal incidiu en que a nova organización tamén supón “unha degradación institucional sen precedentes”, ao establecer un sistema de “supervisión” para a concelleira tránsfuga que cualificou de “bicefalia política e administrativa”. Para os socialistas, esta fórmula non responde a criterios de eficiencia nin de interese xeral, senón á necesidade do PP de “pagar politicamente o voto que fixo posible a moción”.
Fernández advertiu de que esta figura de supervisión “carece de sentido desde o punto de vista organizativo” e xera ademais dúbidas sobre a seguridade xurídica e o normal funcionamento da administración municipal. “Eríxese á tránsfuga como supervisora da nada, simplemente como contraprestación política polo apoio prestado a Candia”, denunciou.
Por último, o portavoz socialista reiterou que Lugo “merece un goberno serio, transparente e comprometido coa cidade”, e non un executivo “centrado en blindar equilibrios internos e devolver favores políticos”. O Grupo Municipal Socialista anunciou que continuará denunciando “calquera intento de deteriorar a democracia municipal e de utilizar as institucións para intereses partidistas”.