O PP lamenta que a alcaldesa tente desviar o foco do debate público confundindo deliberadamente dúas cuestións completamente distintas: o proceso de regularización da titularidade das parcelas e a situación das antigas vivendas de peóns ‘camineros’.
Desde o Partido Popular considérase que esta estratexia busca evitar dar explicacións sobre o verdadeiro problema de fondo: o abandono e deterioro durante anos dunhas vivendas públicas que poderían cumprir unha importante función social nun contexto de crecente dificultade de acceso á vivenda.
“O debate non é a regularización administrativa das parcelas, senón por que Ministerio e Concello permitiron que unhas vivendas públicas permanecesen baleiras e en estado de deterioro, en lugar de impulsar a súa rehabilitación para destinalas a alugueiro social”, sinalan os populares.
O PP lembra que estas vivendas forman parte dun patrimonio público estatal (e non autonómico) que debería estar ao servizo da veciñanza e non abandonado mentres moitas persoas, especialmente xente nova e familias con menos recursos, teñen serias dificultades para acceder a unha vivenda digna en Vilalba.
Neste sentido, os populares defenden que as administracións públicas deben actuar con responsabilidade e cooperación para recuperar estes inmobles e convertelos nun recurso útil para atender necesidades sociais e de vivenda.
Por iso, o Partido Popular levou esta proposta ao Senado, reclamando que se estuden fórmulas de colaboración institucional que permitan rehabilitar as antigas vivendas de peóns ‘camineros’ e poñelas a disposición da cidadanía en réxime de alugueiro social.
“Fan falta menos escusas e máis solucións. Non se entende que, coa crise de acceso á vivenda existente, haxa patrimonio público abandonado sen ningún uso social”, conclúen.
O PP de Vilalba acusa á alcaldesa de “desviar o foco” sobre as vivendas de peóns ‘camineros’
No hay comentarios
No hay comentarios