CCOO, CIG, UGT e USO din «basta»: folga no comercio de alimentación este 29 de maio

Os sindicatos chaman á mobilización total ante o bloqueo das negociacións por parte da patronal.

As organizacións sindicais CCOO, CIG, UGT e USO convocan unha xornada de folga no sector do comercio de alimentación da provincia da Coruña para este venres, 29 de maio, tras meses de negociacións nas que a patronal continúa demostrando o seu nulo interese en mellorar as condicións laborais e salariais das miles de persoas traballadoras afectadas polo convenio.

Despois de varias reunións sen avances reais, a representación empresarial mantén unha postura de absoluto inmobilismo, negándose a asumir propostas que permitan recuperar poder adquisitivo, avanzar na conciliación ou mellorar unhas condicións laborais cada vez máis deterioradas nun sector esencial.

Esta situación resulta aínda máis inxustificable cando as principais empresas do sector continúan presentando resultados millonarios. Mentres as grandes cadeas seguen acumulando beneficios, as persoas traballadoras continúan sufrindo salarios insuficientes, elevadas cargas de traballo, dificultades para conciliar e unha perda constante de poder adquisitivo.

A situación foi trasladada ás asembleas de traballadores e traballadoras, que apoiaron maioritariamente a necesidade de incrementar a presión sobre a patronal ante a ausencia total de movementos na mesa negociadora. Como consecuencia, CCOO, CIG, UGT e USO acordaron convocar unha xornada de folga provincial este venres, 29 de maio.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios