Primeiros Premios Turismo Rías Baixas: Luis López premia ao «millón de anfitrións» que impulsan o turismo en Rías Baixas

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, enxalza a excelencia e sustentabilidade do destino turístico Rías Baixas e dos profesionais do sector que operan na provincia no acto de entrega dos primeiros Premios Turismo Rías Baixas. Uns galardóns creados este ano polo goberno provincial co obxectivo de recoñecer a achega de persoas, empresas e institucións de distintos concellos e diversos ámbitos do turismo á consolidar un modelo turístico responsable co medio ambiente e descentralizado. “Se alguén quere saber como será o futuro do turismo, natural, non masificado, ordenado, excelente, diverso… pero quere velo xa, que mire para o noso destino e os nosos premiados”, afirmou o mandatario provincial para pechar unha cerimonia celebrada en Baiona e na que se entregaron oito galardóns.

“Cada porta aberta de cada establecemento, cada servizo atendido, cada sorriso ao visitante. Cada axuda ao peregrino, ao visitante. Cada medida que adoptades para que Rías Baixas sexa unha das provincias con máis bandeiras azuis, con máis certificados de calidade. Cada traxecto, cada evento, cada festa, cada menú, cada ruta, cada etapa do Camiño é porque é porque alguén está detrás e sodes vós, con nomes e apelidos: así que grazas a todos”, estendeu o presidente provincial os recoñecementos a todo o sector turístico da provincia, tanto os que recibiron o galardón deseñado pola artesá Ana Tenorio, como os que o recibirán en vindeiras edicións dun premios que chegaron para quedar.

Coa presenza de profesionais do sector chegados de todos os recunchos da provincia, de representantes de boa parte dos concellos, e de membros de entidades públicas e privadas; o acto celebrado no Parador de Baiona viviuse como unha celebración do modelo de turismo que promove Rías Baixas e a Deputación. Conducida pola actriz Marta Larralde, que xa presentou en Fitur a campaña “Rías Baixas: A túa meta o teu destino”, a cerimonia contou coa participación do deputado e alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, quen exerceu de anfitrión; e tamén coa colaboración especial dun experto en deporte e turismo, así como na combinación destas dúas áreas: Toni Nadal. O conferenciante e exadestrador do tenista Rafa Nadal puxo en valor as fortalezas dun modelo de éxito como o das Rías Baixas antes de dar comezo á entrega dos galardóns ás candidaturas premiadas.

“Unha vez escoitei unha frase de Toni Nadal que me fixo pensar moito e que intento aplicar no meu día a día, que é: ‘Nunca unha escusa nos fixo gañar un partido”. É sencillamente brillante”, recoñeceu López, para adaptala á realidade da provincia e do turismo. “Ningún dos premiados desta noite se deixou vencer polas dificultades. Algún podería ampararse nas escusas, que son sempre moitas e moi fáciles. Rías Baixas está lonxe, nós non somos capaces, no rural e no interior non hai futuro ou está todo inventado. Escusas, todas moi lóxicas pero por sorte os nosos campións do turismo venceron todas as dificultades. Así que ídesme permitir que vos diga o máis importante destas palabras: grazas”, valorou o dirixente, quen se encargou tamén de entregar os galardóns ás oito candidaturas recoñecidas entre as máis de oitenta presentadas.

Oito distinguidos entre máis de 80 aspirantes

A primeira entrega das sete categorías recoñecidas nestes primeiros premios foi a de “Turismo responsable”, que foi para a empresa Piragüilla da Illa de Arousa porque “son capaces de facer aínda máis memorable a visita a unha das xoias das Rïas Baixas”, dixo López. A segunda, a de innovación, recaeu en Tee Travel SL, “porque traballan coa outra moeda de curso legal do turismo, que non é o euro, senón a confianza”. Na categoría de Experiencia en Redes, distinguiuse a proposta de Bosque de Nadal de Noalla, “que son un regreso á esencia dunhas datas: familia, diversión sen pantallas, contacto con real, natureza”. O mellor proxecto municipal foi o das Aldeas de Nadal de Lalín, “nas Rías Baixas da terra adentro o Nadal de Lalín compite con outro La, o de Laponia”. Na modalidade de mellor oficina da rede Rías Baixas triunfou Mar de Santiago, “a casa da hospitalidade; e na de mellor persoa informadora turística, fíxoo Valentín Verea “máis que un guia, un amigo” para os turistas de Mondariz Balneario. E, finalmente, na categoría de Mellor Traxectoria entregáronse dous galardóns: a Casa do patrón de Lalín e a Francisco González López, “para lembrarnos que toda unha vida dedicada á atención aos demais sempre leva premio”, confesou o presidente.

Un destino, 61 realidades

Botando man do lema da campaña turística deste ano nas Rías Baixas, Luis López reflexionou sobre a natureza, as fortalezas e o saber facer de todas as persoas que constrúen cada día un destino turístico extraordinario. “Ás veces penso que o noso destino era ser destino, como se estivera escrito nalgunha parte.

O A do noso ADN é de Anfitrións. Hoxe cómpre reivindicalo. O turismo é o contrario ás fronteiras, ao rexeitamento, á discordia, á fobia. A terra do Camiño e da Arribada nunca estivo aí, non está agora e imos procurar que nunca estea, por máis que outros se empeñen. Porque o turismo para nós non é só unha cifra que medra e medra. É un valor a protexer. Visitar é compatible con vivir. Calidade turística é compatible con calidade de vida. E compartir riquezas é compatible con coidalas”, reivindicou o presidente.

Finalmente, o presidente da Deputación reafirmou o compromiso estratéxico para seguir impulsando un turismo sustentable e descentralizado. “Non somos unha soa Rías Baixas, somos 61 formas singulares de entender o noso territorio: unha por cada concello. Non somos un destino de verán, porque non hai día nin estación mala para coñecernos. Non somos un fenómeno local, que lle pregunten á UEFA, a Loreal, a Adidas, a Emiratos Árabes, ou a Booking cando gañamos con eles premios en Cannes polas nosas campañas turísticas. Non somos para nós, porque somos un destino internacional: aos feitos me remito, en abril, 46% de turistas internacionais, e todo cunhas conexións aéreas e ferroviarias francamente mellorables. Non somos unha soa cousa: somos cultura, raíces e vangarda, a hospitalidade, a gastronomía de produto e de estrela, festivais de historia e de música. Somos natureza. Somos un mar de viñedos e de estrelas. Somos Castelos, camelia, té, Bienal. Somos deporte, moito deporte”, enumerou López un sinfín de atractivos que identifican e distinguen a provincia. “Rías Baixas é meta e é destino. Ese é o noso lema deste ano, pero a realidade é que, quen vén a Rías Baixas, repite”, concluíu.

Comparte éste artículo
No hay comentarios