A Oficina de Cooperación e Voluntariado da UDC impulsa novos proxectos internacionais en Guatemala, Honduras, Mozambique e Angola

Tres estudantes e tres membros do persoal da Universidade da Coruña participarán entre maio e outubro deste ano en programas de cooperación en países en vías de desenvolvemento.

A Oficina de Cooperación e Voluntariado da Universidade da Coruña arranca unha nova edición de dous programas de cooperación internacional, os Proxectos de Coñecemento da Realidade (PCR), un dirixidos ao alumnado, e os de Coñecemento de Cooperación (PCC), destinado ao persoal docente e investigador (PDI) e ao técnico de xestión e de administración e servizos(PTXAS).

A través destas dúas convocatorias, a UDC ofrece a posibilidade de participar en estadías en países en vías de desenvolvemento colaborando en proxectos impulsados por ONGDs, universidades e outras entidades de cooperación internacional.

A través dos PCR, o estudantado participante realiza estadías de entre un e tres meses vinculadas a proxectos de cooperación internacional que forman parte do seu currículo académico, xa sexa como prácticas, como traballos de fin de grao (TFG) e de fin de máster (TFM) ou como teses de doutoramento.

A participación neste tipo de iniciativas constitúe unha ferramenta de sensibilización sobre a realidade social dos países de destino e sobre as temáticas abordadas para o propio alumnado beneficiario, pero tamén para a sociedade en xeral, xa que, ao regreso da estadía, as persoas participantes desenvolven actividades divulgativas nas que comparten a súa experiencia.

Pola súa banda, os PCC están dirixidos ao PDi e ao PTXAS da UDC. Neste caso, as estadías, cunha duración de entre 12 días e 3 meses, permiten desenvolver traballos de investigación, acción-participación ou apoio técnico no marco de proxectos de cooperación internacional.

Edición 2026

Entre maio e outubro de 2026, un total de tres estudantes e tres membros do persoal da Universidade da Coruña participarán nestes programas.

No caso do programa de estudantado, que este ano alcanza a súa 19ª edición, as persoas seleccionadas son Irene Otero Gómez, do Máster en Políticas Sociais e Intervención Sociocomunitaria, quen participa en Guatemala nun proxecto de Solidariedade Internacional de Galicia centrado no dereito das mulleres maias a unha vida libre de violencias; Alba Suárez Tapia, estudante do Grao en Enxeñaría Informática, que viaxará a Mozambique coa Fundación Loyola Galicia para colaborar na instalación dunha aula de informática e impartir formación básica en intelixencia artificial nunha escola secundaria rural da provincia de Tete; e María Elena Casal González, tamén estudante do Máster en Políticas Sociais e Intervención Sociocomunitaria, que desenvolverá en Honduras, xunto con Solidariedade Internacional de Galicia, un proxecto relacionado coa implementación dunha ferramenta dixital no ámbito sanitario e coa promoción da saúde integral das mulleres no municipio de San Marcos de Colón.

No programa dirixido ao persoal docente e investigador participarán Félix Puime-Guillén, profesor da área de Economía Financeira e Contabilidade, quen colaborará en Mozambique nun proxecto de formación en control de xestión, elaboración de cadros de mando e redacción de proxectos de desenvolvemento nunha escola secundaria da provincia de Tete; Susana Vázquez Martínez, profesora da área de Educación Matemática, que participará tamén neste proxecto apoiando o desenvolvemento curricular e impartindo formación docente en ensino técnico e matemáticas; e Xosé Manuel Malheiro Gutiérrez, profesor da área de Teoría e Historia da Educación, que viaxará a Angola para apoiar ao persoal docente e crear unha rede virtual de formación e intercambio de coñecemento cunha escola local.

Comparte éste artículo
No hay comentarios