La Goleta Santo Domingo Betanzos ascende a Segunda Autonómica

Boas novas para o baloncesto betanceiro: La Goleta, o equipo de Terceira Autonómica, formado polos integrantes máis veteranos do club Santo Domingo Betanzos, conseguiu o ascenso a Segunda Autonómica, tras gañar ao San José de Cluny nun disputado partido por 54-60. Culmina así, a falta dunha xornada, unha extraordinaria temporada en que os xogadores, adestrados por Javier Blanco Rivera, non perderon ningún partido dos 27 que disputaron, cunha marca, sumada á de anteriores temporadas, que non ten parangón no panorama do baloncesto galego recente.

As infantís de Warnier Informática terceiras da Liga da Coruña

Pola súa parte, o Warnier Informática, adestrado por Javier Codesido e Alía Ortega, vai disputar a Fase de Ascenso a Primeira División logo de acadar a terceira praza no campionato da Coruña. As infantís, ás que se lle marchou o partido de semifinais contra Calasanz na prórroga, souberon repoñerse perfectamente dese resultado e no partido polo terceiro e cuarto posto deron boa conta do Montrove por un contundente 80-58. A Fase, que comeza a próxima semana, contará, agás cambios de última hora, coa participación de Calasanz, Sarria, Baloncesto Nigrán, Compañía de María Santiago, Club Depordima de Ourense, Grenlins Cuntis, e Pontumio Montebreamo.

A outra boa nova da xornada trouxérona os Premini Masculino, que logo de gañar por 40-50 ao Liceo La Paz, xogarán a final da Copa Premium da Coruña. Dende a temporada 18-19 ningún equipo benxamín do Santo logrou situarse nesa final.

No lado negativo, a derrota dos cadetes de Grelo fronte a Maristas por 77-79 na Copa Premium Júnior, nun controvertido partido en que, malia as eliminacións (ata cinco contou o Santo), os de Will Pereiro estiveron a piques de remontar unha desvantaxe de preto de 20 puntos, e o partido en que os infantís de Cyrdega non puideron sacar adiante o seu partido de cuartos de final contra o Cambre.

Comparte éste artículo
No hay comentarios