Malia as baixas, os betanceiros conseguen sacar o partido adiante: 80-83.
Comezaba La Goleta a súa andaina na Fase de Ascenso a Segunda Autonómica e, malia as baixas coas que acudiu a Carballo, logrou sacar adiante o seu partido perante Arcai por un axustado 80-83. Porén, o resultado final -ben meritorio para os locais, que perderan por 31 puntos contra os betanceiros hai 2 semanas- non reflicte de todo ben o curso dun partido que chegou ao descanso con 40-46 e que, a falta de algo máis de dous minutos deixaba no marcador un 71-83 tras tripla visitante. Primeira vitoria da Fase, fose como for, e tras o resultado do outro encontro do grupo, onde Terra Cha Cidade de Lugo non deu opcións aos vigueses de San José-Cluny (39-65), próximo rival dos betanceiros, xa van quedando claras as candidaturas a conseguir praza na Segunda División Autonómica 26-27.
Vitoria dos júnior de Texas Controls, das Júnior de Infor-B e das infas de Warnier.
Polo demais, na reducida xornada desta fin de semana do 2-3 de maio, gañaron os júnior de Texas Controls de Antonio Díaz “Doc” a Liceo por 86-72, o que os achega ao seu obxectivo de pelexar a novena praza da liga Coruña-Ferrol, tamén o fixeron as júnior de Infor-B de Sergio Gómez (33-51 fronte a Esclavas), que aseguran así o quinto posto da liga, e continuaron a senda gañadora as infantís de Warnier de Javier Codesido, a un paso xa de meterse nos cruces tras dar boa conta de Maristas por 51-67.
Peor sorte correron as cadetes de Decornaveira, que caeron por 78-54 ante Basquet Coruña U-15 e os infantís de Cyrdega, que perdían por un axustado 65-59 fronte a Maristas nun partido que gañaban ao descanso por 27-30.